As celebracións da patroa terán lugar os días 6, 7, 8 e 12 de setembro con propostas como o acto dos Premios Facendo Historia, espectáculos, música, a tradicional procesión e o Memorial Padre Mariño & Antonio Fernández
O Concello de Marín ten xa preparado o programa das Festas da Virxe do Porto, unha celebración tradicional que volverá reunir a veciñanza e visitantes en honra da patroa de Marín durante os primeiros días de setembro.
As actividades comezarán o domingo 6 de setembro, ás 12.00 horas, no Salón de Plenos do Concello, co acto de entrega dos Premios Facendo Historia, que contará coa participación do Coro Lembranzas, e que serán entregados á Organización de Produtores de Pesca de Marín (OPROMAR), a Bolymar, a Estrela de Marín, ao Museo do Mar e con mención especial ao Ballet de Galicia.
Pola tarde, ás 19.30 horas, o Auditorio acollerá o espectáculo de circo familiar Sen Patrón, de Pista Catro, unha actividade incluída no Ciclo Teatro Galego impulsado polo Concello e cofinanciado a través da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia da AGADIC.
O luns 7 de setembro, véspera da festividade, a programación trasladarase ao Templo Novo, onde ás 19.30 horas terá lugar o Rosario coa Novena á Virxe do Porto, seguido da misa cantada con Antonio Barros.
Ás 20.30 horas, o Auditorio acollerá o concerto da Banda de Música de Marín con Mago Noel e, ás 22.00 horas, a música continuará na Praza de España coa actuación de América de Vigo.
O día grande será o martes 8 de setembro, festividade da Virxe do Porto. A xornada comezará ás 11.00 horas coa tradicional pasarrúas de Os de Marín polas rúas da vila. Ás 12.00 horas celebrarase a misa e procesión, acompañada pola Coral Lembranzas, Airiños de San Xulián e a Unidade de Música da Escola Naval Militar. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, a Alameda acollerá o espectáculo musical A historia da verbena, coa Orquestra La Oca Band, poñendo o punto musical á xornada festiva.
As celebracións pecharanse o sábado 12 de setembro, ás 19.30 horas, no Auditorio, coa celebración do Memorial Padre Mariño & Antonio Fernández, organizado pola AC Os Chaneiros, e que contará coa participación de Trompos os Pes e Anxo Lorenzo
