As obras neste espazo, situado no lugar de Bon (Beluso), incluíron a limpeza, a recolocación das pedras do muro, así como a recuperación da auga do manancial para que volvese verter na fonte
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este xoves as obras que está levando a cabo o Concello na coñecida como ‘Fonte de Requeixo’, no lugar de Bon, na parroquia de Beluso. Alí, os operarios contratados no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra arrancaron a pasada semana o acondicionamento do espazo que culminarán mañá, cuns traballos que inclúen a limpeza da contorna, a recolocación das pedras do muro, e a recuperación da auga do manancial para que volvese verter na fonte.
Moi próximo a esta zona, no lavadoiro de Tomadelo farase o saneamento da fonte e do lago. Non é a única actuación que o Concello leva a cabo destas características, pois nos últimos días remataron os traballos de mellora na fonte e no lavadoiro do Lago Mansiño, e na Fontenova, na zona de Montemogos, tamén en Beluso. O alcalde, que se encarga da xestión da área de obras e servizos, móstrase satisfeito e salienta que “o Concello asume unhas actuacións que historicamente veu realizando a veciñanza dos lugares, case coma un labor social”, e “agora é o momento no que estamos en condicións de asumir o arranxo e mellora destes espazos, despois de que solicitásemos a creación dunha brigada con persoal de cantería e albanelería con cargo ao Plan de Emprego da Deputación”.
Dende o Concello continúan con este plan global de acondicionamento de fontes e lavadoiros, que tradicionalmente foron importantes lugares de socialización da cidadanía. Neste senso, destaca que a actual liña de traballo xa arrancou o pasado ano coa rehabilitación integral dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e o situado no barrio da Banda do Río. O plan de traballo continuará co mantemento do lavadoiro sito na zona de Xexide, e do de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca.
Dado o bo funcionamento desta brigada de obras e servizos, o alcalde avanza que de cara á próxima convocatoria do Plan de Emprego, é previsible que o Concello volva solicitar persoal de diversos oficios relacionados coa albanelería.