A inscrición xa está completa e a novidade con respecto a outros anos é que desta vez o percorrido incluirá o interior da Escola Naval Militar
A VIII Andaina Montes e Praias de Marín xa ten súa inscrición completa. 750 persoas camiñarán polo medio da nosa vila, vendo espectaculares paraxes e desfrutando do ocio e do sendeirismo ao aire libre, cunha finalidade solidaria: axudar á AECC de Marín.
Esta mañá, presentouse oficialmente o evento, que terá lugar o domingo, coa presenza da concelleira de Turismo, Cristina Acuña; a presidenta da Federación Galega de Montañismo, Josefina Maestu Almeida; o representante do Club de Montaña Xesteiras, José Francisco Gil Dopazo; Emilia Rey Parada e Telmo Crespo Tojeiro, da AECC de Marín, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.
A andaina conserva as súas características, unha proba alonxada das estradas na que descubrir os recunchos do interior da nosa vila mariñeira e na que se poderá escoller entre un percorrido curto e asequible para todos os públicos e unha proba de 25 quilómetros, máis dura e esixente na que poñerse a proba e enfrontarse os seus mais de 1.000 metros de desnivel positivo.
Neste caso, ademais, a ruta variouse nun 90%, polo que persoas que xa a teñan feito poden repetir e descubrir novos lugares. “Pasaremos por sitios emblemáticos como o punto no que se unen Marín, Vilaboa e Moaña no Lago Castiñeiras, as fervenzas do río Neibó ou as propias praias, que son un clásico da andaina. Pero como gran novidade, este ano a ruta pasará tamén por dentro da Escola Naval, entrando pola porta de Carlos I para seguir accedendo despois á zona do litoral.