Visita esta mañá á Escola de Vilaboa.

A Xunta dá por finalizadas as obras levadas a cabo na escola infantil de Vilaboa para mellorar as condicións deste centro pertencente á rede pública autonómica e que supuxeron un investimento de máis de 20.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o equipamento para comprobar sobre o terreo o resultado dos traballos, acompañado do alcalde vilaboés, César Poza.

Perfecto Rodríguez sinalou que con esta intervención “ofrecemos ao persoal, aos pequenos e as súas familias unhas instalacións máis confortables, de calidade e en bon estado de mantemento”. Así mesmo, enmarcouna nas actuacións de mellora e conservación que se realizan de maneira periódica nos centros da Xunta que xestiona o Consorcio.

No caso da escola infantil de Vilaboa, as obras desenvolvidas afectaron ao interior e ao exterior do inmoble. Así, substituíuse o valado e reformouse a porta da aula para nenos de 1-2 anos; e colocouse un novo chan de PVC flotante no parque infantil do patio interior, co fin de incrementar o illamento acústico e térmico, ademais da resistencia fronte a humidade. Tamén se instalaron elementos novos na zona de xogos exterior.

Financiamento

O Consorcio financiou arredor do 60% do custe da reforma, mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público. O Concello de Vilaboa asumiu o 40% restante con fondos propios e tamén se encargou da execución da intervención.

Todas as melloras acometidas neste equipamento foron previamente postas en común coa comunidade educativa e contaron coa supervisión dos técnicos do ente autonómico e do Concello.

Gratuidade

Na actualidade a escola infantil de Vilaboa presta servizo ás familias de 35 nenas e nenos de 0 a 3 anos e dispón de tres unidades en funcionamento. A partir do curso 2022-23 a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, xa que o Goberno galego decidiu estender tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa desfrutaban os segundos fillos e sucesivos.

Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil para todo o alumnado e en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *