O Concello investirá case 159.000 euros con cargo ao Remanente de Tesourería neste proxecto, co que se dotará dun sistema de saneamento de augas residuais a esta zona do rural para revertir os problemas da actual depuradora de Pastoriza, que ten os días contados
A obra de creación dun novo colector entre Pastoriza e Picotes xa está en marcha, polo que este novo sistema de saneamento será unha realidade en tres meses, prazo de execución dos traballos.
Así o anunciou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, que se achegou ata o lugar das obras esta tarde, acompañado de representantes da empresa adxudicataria, EC Casas.
“Esta obra, que suporá unha inxección económica de cerca de 159.000 euros por parte do Concello con cargo ao Remanente de Tesourería, supón un importante proxecto para a mellora do saneamento do rural, xa que permitirá poñer fin aos problemas que desde hai anos dá o mal funcionamento da depuradora de Pastoriza”, explicou o edil.
A posta en marcha deste proxecto tivo o seu inicio nunha reunión coa veciñanza, coa que se consensuou clausurar a depuradora actual pola súa ineficacia (confirmada de xeito recurrente por informes técnicos) e proxectar unha nova canalización, “que permita prestar este servizo con calidade para os veciños e veciñas de Ardán”, explica Novas.
Tal e como comentou o concelleiro de Rural, “con este proxecto afianzamos o noso compromiso co saneamento e, en xeral, a prestación de servizos públicos municipais no rural, tratando de melloralos e prestalos coa maior calidade posible”.
O prazo de execución será de tres meses e, a partir de entón, o novo colector entrará en funcionamento.