Acto de homenaxe en Meira.

Durante o evento homenaxeouse a Fernando Malvido, encargado do discurso e a ofrenda floral, e a María Trigo, pioneira ao converterse en 1980 na primeira muller do Morrazo en obter a libreta marítima

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, asistiu en Moaña á
tradicional Ofrenda aos Mariñeiros, o acto máis solemne e emotivo das festas patronais de Samertolameu de Meira, que serve como recoñecemento á xente do mar desta vila mariñeira. Tamén estivo presente a alcaldesa, Leticia Santos, diversos concelleiros do goberno local e do grupo da oposición, ademáis de numerosos veciños da localidade.

Villaverde puxo en valor o vínculo indisoluble da vila coa actividade pesqueira e marisqueira, lembrando que Moaña e Meira son un motor vivo das Rías Baixas, un pobo que fixo da pesca e do mar o seu orgullo e o seu sustento diario. A conselleira subliñou
que esta cita ademais de tradición, é un agradecemento de xustiza ao esforzo, ao traballo e á memoria de quen nos precederon e hoxe guían os nosos pasos. Así mesmo, fixo fincapé no papel fundamental das mariscadoras, redeiras e familias que sosteñen en terra os fogares mariñeiros.

No transcurso do acto entregáronse cadansúas placas de recoñecemento a Fernando Malvido González, mariñeiro de longa traxectoria que exerceu como voceiro da ofrenda, e a María Trigo Cao. A conselleira destacou a figura de Trigo Cao como referente histórico de igualdade ao abrir camiño a moitas outras mulleres tras ser a primeira da comarca en obter a competencia de mariñeiro para enrolarse a bordo. «O seu exemplo demostra, con claridade, que o noso mar tamén se escribe con nome de muller».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *