Unha subvención de 76.407 euros permitira mellorar o firme, embelecer os muros de mampostería e por en valor o vial cunha iluminación respetuosa co entorno
Unha subvención de 76.407,39 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra permitirá ao Concello de Vilaboa acometer a mellora e recuperación dun tramo do antigo Camiño Real do Morrazo que une o cemiterio coa igrexa de San Adrián de Cobres e o barrio de Santradán.
A actuación ten un dobre obxectivo. Por unha parte recuperar o trazado, que na actualidade se encontra nun estado de avanzado deterioro, para o tráfico peonil e por outra poñer en valor como activo turístico un camiño histórico que atravesa un
entorno singular.
O proxecto inclúe unha actuación en dous tramos; o principal que comunica co cemiterio e con saída á N-554 e un secundario, cunha forte pendente, que enlaza co primeiro. No entronque dos dous hai un cruceiro catalogado no PXOM como Cruz de Santadrán, no que se contempla unha actuación de limpeza na zona das escaleiras e a recolocación de pedras rústicas de distintos tamaños na rampa de conexión.
O camiño ten agora un firme a base de terra vexetal de distintos grosores e coas pedras ao aire na zona de maior pendente debido ás escorrentías das augas. O proxecto inclúe un pavimento de formigón HF-3,5 con acabado árido color ocre con rígola prefabricada tamén de formigón no centro para recoller as augas pluviais.
O Concello embelecerá tamén algúns dos muros das alineacións do camiño para darlle un tratamento uniforme que complementará cunha nova iluminación dos peches de mampostería para resaltar a súa beleza a través dunha canalización soterrada.