O goberno local aproba un Manifesto institucional que se lerá o día 24 e convida á veciñanza a participar nas manifestacións convocadas na contorna
O balcón da Casa Consistorial luce esta semana unha gran pancarta contra a violencia machista como símbolo do rexeite colectivo da veciñanza de Vilaboa a este problema estrutural da sociedade como complemento da iluminación nocturna do edificio coa cor morada que representa o feminismo. Baixo a pancarta darase lectura o día 24, ás 11.30 horas, ao Manifesto institucional no que o Concello de Vilaboa ten unha mención especial á violencia que sofren as mulleres maiores de 65 anos, “unha realidade que permanece a miúdo invisible e que agocha unha vida de vexacións, agresións, control e medo. Un colectivo especialmente vulnerable que require toda a nosa atención e apoio”.
O Concello de Vilaboa traballa para que ningún interese partidista estea por encima do recoñecemento do drama que supón esta violencia. “A ameaza dos que negan a violencia de xénero e avogan polo retroceso na conquista dos dereitos das mulleres, é un feito certo. A extrema dereita e a dereita extrema están moi presentes en España. Rompen consensos, limitan os dereitos de cidadanía onde gobernan, de xeito cruel coas mulleres. Pretenden que a regresión sitúe ás mulleres nunha minoría de idade perpetua”.
O Manifesto engade que negar a violencia de xénero non é inocuo, senón que fortalece aos agresores, desampara as víctimas e frea os avances en materia de igualdade. “Ante isto, os gobernos e as institucións con fonda raíz democrática temos que estar na vangarda en cada unha das frontes onde se dea a batalla, denunciando as verbas e as actitudes machistas dos que din defender España, tratando de quitarlle os dereitos a metade da poboación”.
E conclúe que a opción contra a violencia de xénero, é máis democracia. “Contra a extrema dereita, máis democracia. Para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, máis democracia”.
Por elo, o Concello de Vilaboa convoca a toda a cidadanía de Vilaboa a participar nas distintas manifestacións da contorna para seguir traballando a favor da eliminación da violencia contra as mulleres.
Dentro da programación deseñada desde a Concellalía de Igualdade destaca tamén a inauguración da exposición “Á violencia de xénero dille non!”, que permanecerá aberta ao público ata o día 3 de decembro na Casa de Cultura de Riomaior. Esta área municipal que dirixe Carmen Gallego rematará os actos programados con motivo do Día Internacional contra a violencia machista cunha xuntanza de todas as mulleres de Vilaboa que participaron nos obradoiros de Igualdade e Autocoidado que se desenvolveron nas diferentes parroquias do municipio durante as pasadas semanas.
En total foron 14 xornadas formativas nas que as mulleres de Vilaboa tiveron ocasión de participar en Bértola, Figueirido, Paredes, O Picho e Santa Cristina de Cobres dunha aprendizaxe activa a partir da danza e tamén do debate sobre unha evolución social que ten por diante un longo percorrido. Estes obradoiros, que rematan cunha nova tarde de convivencia lúdica na Casa de Cultura de Riomaior o día 28, forman parte do Plan de Igualdade para a cidadanía aprobado polo Concello de Vilaboa.