Portada da nova web do Concello de Vilaboa.

A páxina, www.vilaboa.gal , ten un deseño sinxelo e adaptado aos dispositivos móbiles para favorecer a interacción tecnolóxica da cidadanía

O Concello de Vilaboa estrea web. Cun deseño actual, sinxelo, áxil e moi intuitivo www.vilaboa.gal é un portal accesible, adaptado a dispositivos móbiles, multiplataforma e bilingüe en galego e castelán que busca facilitar aos veciños e veciñas de Vilaboa o acceso aos trámites institucionais que precisen realizar e á información que xenere o Concello.

A renovada web arranca cun banner dinámico con imaxes variadas do potencial turístico de Vilaboa que van rotando de xeito ameno e ofrece un menú superior con buscador e selector de idioma. Desde a páxina principal o usuario accede ao menú principal e a diferentes bloques ou sección destacadas como o de atención veciñal.

No apartado de Goberno a veciñanza pode acceder ás actas dos plenos, aos bandos municipais, aos regulamentos e ao PXOM así como ao apartado de transparencia; o apartado de Servizos Municipais vai desglosando as diferentes áreas con opción a contactar co departamento municipal ou acceder á información desexada.

A web www.vilaboa.gal presta unha atención especial aos trámites administrativos, deseñada de xeito que facilita esta tarefa aos usuarios tanto co rexistro electrónico de facturas como coa posibilidade de acceder a impresos para modificación do padrón, presentar escritos por Rexistro, modelos de solicitude, cuestións vencelladas co urbanismo, etc.

Unha atención especial adica ao apartado do Turismo, con información detallada do patrimonio, a distribución xeográfica do municipio, o patrimonio etnográfico e natural, o entroido de Cobres, o Camiño de Santiago, a gastronomía, as festas, lugares de interese e unha ampla galería de imaxes.

A nova web inclúe tamén un apartado para compartir a actualidade informativa do Concello de Vilaboa e a opción de acceder ás redes sociais municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *