O documento establece catro liñas estratéxicas de intervención para traballar a cinco anos e agradece a participación social na diagnose previa
O Concello de Vilaboa acaba de presentar o seu Plan de Igualdade para a Cidadanía, un documento que terá unha vixencia de 5 anos e que nace dunha diagnose social elaborada desde a perspectiva de xénero. Segundo explica a concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, foi elaborado con metodoloxía activa e participativa e coa colaboración do persoal municipal e axentes sociais e comunitarios de Vilaboa e inclúe obxectivos e accións viables a desenvolver en todas as liñas de intervención e entidades responsables.
“Este Plan constitúe un instrumento municipal de compromiso político, técnico e cidadá”, apunta Carmen Gallego, xa que o goberno local conta agora cunhas directrices claras, que parte dun estudo documentado da situación real do municipio, para implementar as políticas locais desde a perspectiva de xénero para lograr a plena igualdade.
O Plan de Igualdade para a cidadanía do Concello de Vilaboa organízase en catro liñas estratéxicas de intervención: Gobernanza Local e Transversalidade de Xénero, que ten como obxectivo introducir progresivamente o principio de igualdade de oportunidades na Administración Local; a liña de Participación Social e Empoderamento das Mulleres, que pretende impulsar o proceso de empoderamento e a participación das mulleres na vida pública da localidade; a liña de Sensibilización, Concienciación e Cambio de Valores, que pretende promover a progresiva incorporación da perspectiva de xénero nas actividades realizadas polos departamentos municipais; e a liña de Prevención e Actuación ante a Violencia Machista que ten como obxectivo impulsar a loita contra as diversas formas de violencia machista a través de medidas de sensibilización, prevención e atención dirixidas ás mulleres vítimas.
O Plan de Igualdade recolle unha serie de medidas concretas a aplicar para conseguir os obxetivos específicos. No primeiro apartado contémplase, por exemplo, a incorporación progresiva dunha linguaxe e imaxe non sexista na comunicación tanto interna como externa xerada polo Concello ou a difusión do Plan de Igualdade para a cidadanía entre os departamentos municipais para establecer un mecanismo de participación activa, entre outras moitas.
O Plan recolle tamén accións de enfocadas á sensibilización e formación do persoal técnico e político do Concello en materia de igualdade para proporcionar información sobre as principais “fendas de xénero” e os ámbitos onde existe maior desigualdade entre mulleres e homes e a realización dunha solicitude municipal ante o Sergas insistindo na reapertura do servizo de atención primaria do Consultorio de Saúde de Santa Cristina de Cobres e dotalo de persoal propio coa finalidade de paliar a carencia de recursos materiais e de persoal existente na zona. Nesta mesma liña insiste en pular ante o Sergas para que a Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Pontevedra esté dotada con persoal e recursos suficientes para garantir unha asistencia psicolóxica adecuada ás e ós menores que o precisan. Estas son so algunhas das cerca de cen medidas que recolle o Plan.
Carmen Gallego agradece a colaboración de todo o tecido asociativo de Vilaboa que colaborou na documentación previa á elaboración deste Plan que nace, polo tanto, da participación e recolle as suxestións da cidadanía. “Quero recoñecer o gran traballo feito pola comunidade educativa, asociacións de mulleres, asociacións culturais, asociacións veciñais, deportivas, pensionistas, departamentos municipais, etc, que participaron e colaboraron na elaboración deste Plan; sen a súa contribución o Plan de Igualdade non sería o mesmo”.