Un pleno do Concello de Vilaboa.

O goberno local considera “clave” axilizar a tramitación xa que o desenvolvemento futuro do municipio depende deste servizo

O pleno de Vilaboa dou luz verde ao inicio dos trámites para a constitución do ente supramunicipal que se encargará da xestión do sistema de abastecemento de auga, cumprindo o acordado na reunión convocada pola Consellería o pasado mes de xullo. Este ente será o concesionario e titular das infraestruturas de abastecemento a Pontevedra e á súa ría e que permitirá a Vilaboa solicitar un caudal de 1.000 litros/segundo a captar no río Lérez e no rego de Rons dende o encoro do Pontillón do Castro.

O goberno local de Vilaboa considera clave este primeiro paso xa que supón o inicio da solución ao grave problema que ten o municipio de abastecemento de auga e que está a condicionar o crecemento tanto industrial como urbanístico da localidade. “O noso proxecto para Vilaboa pasa por unha vertebración dos núcleos a través do servizo de abastecemento de auga. Ten bolsas de chan residencial que non poden desenvolverse ao non garantir o servizo de auga. Para nós é fundamental desbloquear esta infraestrutura e que o abastecemento chegue a Vilaboa”, explica César Poza.

Dende o ano 1990 atópase en funcionamento o sistema de abastecemento de auga conxunto para o concello de Pontevedra e concellos da súa ría. Inicialmente o sistema configurouse para Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu, e con posterioridade acometéronse conexións cos concellos de Vilaboa e Pontecaldelas. Dito sistema, que comprende a captación, transporte, depuración e almacenamento da auga, parte da ETAP de Couso no río Lérez (Pontevedra) así como do rego de Rons dende o encoro de Pontillón de Castro

Na tramitación do expediente da obra “Planta de tratamento de auga potable, condución e depósitos para abastecemento de auga á Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu”, licitado en 1983 pola Confederación Hidrográfica del Norte, xa figuraba o compromiso dos concellos de constituír unha entidade supramunicipal para a xestión do sistema.

O novo abastecemento de auga ao concello de Pontevedra e a súa ría contemplouse como unha obra de interese xeral na Lei 10/2001 do Plan Hidrolóxico Nacional (art.36) e para a súa execución asinouse o 21 de setembro de 2012 un convenio para a construción e explotación da actuación “Nuevo abastecimiento de agua a Pontevedra y su ría”, entre a sociedade estatal Aguas de las Cuencas del Norte S.A. (posteriormente asumido pola empresa publica ACUAES) e os concellos integrados na dita rede (no sucesivo, o Convenio).

O sistema está deseñado cunha capacidade de tratamento de 1.000 litros/segundo, co obxectivo de garantir o abastecemento á poboación en calidade e cantidade, actual e futura, así como tamén atender as demandas dos usos agrícolas, gandeiros e industriais, entre outros.

No convenio citado faise referencia expresa ao compromiso que asumían os concellos asinantes en orde a constituír a entidade supramunicipal chamada a exercer as competencias de abastecemento en alta que lles corresponden por Lei, en aplicación das disposicións legais en materia de xestión das augas publicas. Na reunión mantida o pasado dia 27 de xullo de 2022 na sede da delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra cos representantes da Administración Hidráulica de Galicia constatouse, entre outras cuestións, que é necesario proceder coa maior brevidade posible a corrixir a situación de irregularidade administrativa na que se atopa o actual sistema de abastecemento de auga á ria de Pontevedra; so así poderá acadarse unha solución definitiva a un problema que se ven perpetuando no tempo cun claro prexuízo non so no que atinxe á correcta e axitada prestación dun servicio público esencial senón tamén á propia ordenación territorial e desenvolvemento urbanístico dos concellos implicados.

O 28 de xullo de 2023 mantense unha nova reunión na sede da delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra con participación dos sete concellos, representantes de ACUAES e da Administración Hidráulica de Galicia. Nesta xuntanza os concellos acordan constituír unha entidade supramunicipal e solicitar unha concesión conxunta de 1.000 litros/segundo, caudal que se corresponde coa capacidade das instalacións de tratamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *