O Concello destaca o impacto ambiental e económico da actuación ereclama a incorporación da Deputación ao financiamento do proxecto
Os concellos de Vilaboa, Soutomaior e Pontevedra acadaron un acordo con Augas de Galicia para impulsar a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais en Arcade, unha infraestrutura chamada a transformar o sistema de depuración do fondo da ría de Vigo e da Enseada de San Simón. Os convenios entre as tres administracións locais e o organismo autonómico están xa
asinados, quedando só pendentes os últimos trámites administrativos para iniciar o desenvolvemento dun proxecto histórico que levaba anos sen avances, segundo anunciaron esta mañán Manuel Lourenzo , alcalde de Soutomaior; Eva Vilaverde, concelleira de Pontevedra e César Poza, alcalde de Vilaboa.
A nova depuradora permitirá substituír a instalación actual, completamente obsoleta, e incorporar tecnoloxías de última xeración que garantirán unha mellora substancial da calidade das augas e da protección ambiental nun espazo de alto valor ecolóxico. A actuación facilitará ademais a recuperación do enclave ocupado pola EDAR existente, contribuíndo á posta en valor da fachada marítima de Arcade e reducindo o impacto paisaxístico da infraestrutura.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, subliñou que a relevancia do proxecto vai máis alá do servizo directo ás parroquias que verterán á nova instalación. “Para Vilaboa, a importancia desta EDAR está no que supón para o fondo da ría e para o seu saneamento. É unha obra demandada historicamente, fundamental para moitas familias das confrarías de Arcade e de Pedro Oliveira que viven ou viviron do mar e que están atravesando unha situación crítica. Agardamos que esta infraestrutura sexa o punto de partida para rexenerar unha ría que foi unha fonte de riqueza e que merece unha oportunidade de recuperación”, afirmou.
Poza explicou que Vilaboa asume esta actuación “por compromiso ambiental e pola necesidade de avanzar nun proxecto imprescindible”, malia que o concello se atopa cun escenario inesperado que obriga a asumir unha achega económica moi elevada. “De repente atopámonos cunha situación dada, sen saber se por deixadez da Xunta ou do anterior goberno de Soutomaior, que nos obriga a asumir un 20% do custo da obra. Para Vilaboa isto supón arredor de medio millón de euros, máis dun 20% do noso orzamento anual. É un esforzo enorme, pero asumímolo porque a ría o necesita e porque non podemos permitirnos perder máis tempo”, sinalou.
O alcalde reclamou tamén a implicación da Deputación de Pontevedra, lembrando que se trata dunha infraestrutura supramunicipal e estratéxica para toda a provincia. Ademais, Poza solicitou que Augas de Galicia impulse de maneira decidida a creación da Mancomunidade que garantirá o abastecemento de auga ao municipio, imprescindible para que Vilaboa poida contar cunha rede propia. “Igual que agora asumimos un compromiso que nos vén dado, necesitamos ser correspondidos. Dispor dunha rede de abastecemento é clave para desenvolver o PXOM, habilitar novos solos industriais e residenciais e afrontar novos retos e investimentos. É o momento de que todas as administracións se impliquen”, concluíu.

