O sector primario analiza sen concesións os efectos do cambio climático e debuxa as liñas de adaptación para garantir o futuro produtivo
A Festa do Viño e do Mar de Vilaboa botou a andar esta tarde cunha sesión de debate que puxo o foco na situación actual dos dous piares produtivos do municipio, o viñedo e os recursos mariños, e nas consecuencias que o cambio climático está a provocar neles. Baixo o título “Entre Mares e Cepas”, a xornada reuniu voces científicas e profesionais que debuxaron un diagnóstico claro, sinalando preocupacións pero tamén liñas de traballo estratéxicas para garantir a produtividade e a rendabilidade futuras.
Na mesa dedicada ao viñedo, “Innovación e sustentabilidade para o viñedo do futuro”, interviñeron Juan Carlos Vázquez Abal, enxeñeiro técnico agrícola da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; Tamara Canle e Ángela Yuste, técnicas de Paco & Lola; e Cristina Carrera, responsable de Agrovitis. Os expertos coincidiron en que o viñedo atlántico, pola súa natureza e polas variedades de maduración máis lenta, está a sufrir un impacto menor que outras zonas, mais advertiron da necesidades de innovar e seleccionar novos patrón mais residentes á sequía.
A reordenación das plantacións cara a cotas máis altas, o control da fertilidade e equilibrios do solo que fan ó viñedo acadar millores equilibrios da maduración, a transición do emparrado ás pérgolas para reducir o estrés hídrico e a aposta por unha viticultura ecolóxica e artesanal como unha das claves de diferenciación das elaboracions foron algunhas das medidas sinaladas para adaptarse ao novo escenario climático. O debate abordou tamén o relevo xeracional, apuntando ao enoturismo e á creación de empresas de servizos como vías de futuro para fortalecer o sector e garantir apoio técnico aos viticultores.
Outro dos puntos centrais foi a preocupación pola conservación dos dereitos de plantación. Vázquez Abal animou aos produtores a explorar fórmulas que aseguren a rendabilidade das explotacións e lembrou a importancia de cumprir os trámites administrativos en caso de decidir o arranque das viñas.
A segunda mesa reuniu a Elsa Vázquez Otero, catedrática da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo, para analizar a situación crítica dos cultivos de bivalvos. Os expertos explicaron como a ciencia permite anticipar episodios de elevada mortalidade e subliñaron a necesidade de que as administracións activen medidas de apoio que permitan frear o deterioro dos bancos marisqueiros e garantir a continuidade dunha actividade esencial para a economía local.
A partir das 19.00 horas abrirán as casetas na carpa situada baixo o viaduto de Riomaior, onde cinco viticultores e tres adegas do municipio ofrecerán os seus produtos xunto con postos de artesanía e gastronomía. A oferta culinaria estará representada polo Bar O Chancho, a Pulpería Selecta, Ostras Tito e a Pastelería Os Laranxos, completando unha fin de semana que combina reflexión, identidade e celebración.
A primeira xornada da Festa remata co concerto da Banda da Escola de Música de Vilaboa e a Banda de Música Artística de Bueu

