Estado no que se atopa o parque.

O Concello informa de que ten un proxecto de reforma integral do parque que non puido levarse a cabo pola pandemia

Veciños a nivel particular e tamén desde a Asociación de Veciños A Malladoura mostran o seu malestar ante o Concello polo «abandono» no que se atopa o parque infantil da parroquia desde hai anos. «Nunca se acordaron del a pesar das repetidas queixas desde 2019 e a concelleira de Servizos, Aurora Prieto, dime esta mañá que ten máis cousas que facer que atender as miñas queixas por teléfono», critica Ana María Gutiérrez, que tras recibir esta resposta por parte da edil decidiu presentar un escrito formal no Concello solicitando a reparación da área infantil. «Os parques de Moaña están cheos de xente de Cangas e aquí en Herbello hai moitos nenos, é unha mágoa que nos ignoren así», recalca a Morrazo Noticias.

No escrito presentado no Concello esta veciña adxunta fotografías do parque infantil nas que se mostra como a herba invade parte do mobiliario antigo e en mal estado cuxo uso supoñería un perigo para os menores polo seu mal estado de mantemento e conservación.

Proxecto de reforma integral do parque

A concelleira Aurora Prieto, preguntada por Morrazo Noticias por este tema, recoñece o mal estado do parque infantil e aclara que «xa antes da pandemia houbo unha reunión coa Asociación de Veciños» onde se acordou levar a cabo unha reforma integral desta área. Un proxecto que podería ser financiado co Plan Concellos e que nin en 2020 nin en 2021 puido incluírse no financiamento provincial por mor dos gastos extra provocados polo Covid-19.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *