Un ano máis ADICAM celebra a súa tradicional Marcha Fina Acuña, que terá lugar o día 22 de outubro, saíndo da praza do Concello de Bueu ás 09:45 e as 10:00 da praza do Concello de Moaña. Ambas marchas converxerán na sede de ADICAM en Cangas ao redor das 12:00 da mañá. Será nese momento cando se lerá o manifesto feito por FECMA (Federación Española de Cancro de Mama), na que se encadran as 47 asociacións de cancro de mama que traballan no territorio español.
A Marcha solidaria Fina Acuña, forma parte, dos actos vinculados a programación de ADICAM para o mes de outubro, xa que o día 19 é o día internacional do cancro de mama; momento onde o seu traballo é máis visible, aínda que desenrolan o seu labor ao longo de todo o ano.
Para participar é necesaria inscrición previa no link https://www.carreirasgalegas.com/events/andaina-marcha-fina-acua-2023/rVm8gpla, tamén se pode colaborar a través de Dorsal 0 nesa mesma web ou en calquera das sedes da asociación. A inscrición estará dispoñible ata o día 21 de outubro ás 21:00 horas, ou ata esgotar as inscricións, co fin de mobilizar o maior número de persoas posibles, xa que para o colectivo é unha sinal de gran apoio que a poboación do Morrazo, Vigo, Pontevedra e Concellos limítrofes, acudan ao evento realizado por ADICAM.
Este ano como novidade, a Marcha que vai discorrer por terra será acompañada por unha traiñeira por mar grazas a colaboración entre ADICAM e a sociedade deportiva Tiran Pereira, saíndo do peirao de Moaña e chegando ao porto Deportivo de Cangas; sempre que o tempo o permita.
Na penúltima edición, na marcha do ano 2019, a andaina reuniu, segundo os medios de comunicación, a un total de 4000 persoas, o que foi considera un éxito rotundo do apoio recibido tanto das persoas do Morrazo como os arredores. Dende a entidade animan a participar neste evento solidario e apoiar e visibilizar a loita contra o cancro de mama.