A concelleira coas representantes de Diverxentes na presentación da xornada.

A Asociación Diverxentes reúnese mensualmente en Marín e dá apoio a familias con nenos e nenas con altas capacidades. O sábado 4 de novembro ofrecerán unha charla aberta á cidadanía na Biblioteca, que foi presentada xunto coa concelleira Itziar Álvarez

Rachar con mitos, visibilizar a realidade das persoas con altas capacidades e loitar por conseguir cubrir as necesidades específicas de apoio educativo destes nenos e nenas. Estes son os obxectivos de Diverxentes, unha asociación que arrancou a súa andaina hai un ano en Marín, pero que dá cobertura a toda a provincia, e que conta con 20 familias adheridas.

A concelleira Itziar Álvarez reuniuse coa directiva da asociación para mostrar todo o apoio do Concello á causa da entidade, á que se lle ceden as instalacións da Finca de Briz unha vez cada mes para realizar reunións de familias que, tal e como explicaron as integrantes da asociación, “están abertas a cualquera familia con dúbidassobre altas capacidades”.

Actualmente, este termo foi evolucionando para separarse de etiquetas e clichés como o de “superdotado”, referíndose a día de hoxe a nenos e nenas que teñen unha capacidade de aprendizaxe superior e unha forma de aprender radicalmente diferente a do resto de nenos e nenas da súa idade. Isto, lonxe do que puidera parecer, “nin é sinxelo de xestionar nin é un premio”, como moitas veces a sociedade fai sentir ás nais e pais. “O sistema educativo está
deseñado para un modelo de alumnado promedio cunha forma de aprendizaxe concreta e os nenos e nenas con altas capacidades aprenden doutra forma e a un ritmo diferente, polo que precisan dun cambio de metodoloxía”, engaden. Por iso, en moitas ocasións acaban producíndose situacións de fracaso escolar, falta de atención e acoso escolar, pola falta de interacción con outras persoas que non seguen o seu ritmo de comprensión e de intereses.

Para intentar visibilizar todo elo e para procurar melloras nas necesidades educativas dos seus fillos e fillas, así como unha maior compresión social, fundaron Diverxentes, que xa leva realizado un amplo abanico de actividades, como xornadas ao aire libre de xogos de mesa no Lago Castiñeiras, visitas astronómicas grupais ou clases de xaponés.

Agora, na axenda está unha nova data, o 4 de novembro, día que celebrarán unha charla-coloquio titulada “Familia, escola e altas capacidades”, que se realizará na Biblioteca Pública Vidal Pazos, de 11.00 a 13.00 horas, a cargo de Betina Represas, especialista en altas capacidades e membro do equipo de Orientación Específico (EOE) de Pontevedra.

Calquera persoa que teña interese, pode contactar coa asociación a través do mail diverxentesaacc@gmail.com ou a través das redes sociais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *