Medo hoxe na Finca de Briz durante a presentación do Samaín Briz.

Haberá novidades con respecto a outros anos, como un espazo para os pequerrechos de menos de 10 anos, o PequeSamaín, as “estacións do medo” ao longo da Finca ou os espectáculos para complementar ás tradicionais rutas

O medo, a diversión e a tradición volverán reinar en Galicia coa celebración do Samaín, que ten unha ubicación clara no calendario autonómico: Marín. O Samaín Briz, o maior evento desta data na comunidade, volverá este 31 de outubro a partir das 18.00 horas no Parque dos Sentidos cunha edición que promete superar aínda máis o enorme éxito colleitado nos últimos anos.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, acompañada de representantes das asociacións que fan posible o desenvolvemento da festa (Fundación Juan XXIII, Os da Caña e o Club Deportivo La Peña), presentou esta mañá todos os detalles desta edición, que, coma sempre, será totalmente gratuita e de entrada libre. A partir das 18.00 horas, abrirase a finca á cidadanía e xa estarán listas as “estacións do medo”, unha novidade deste ano que espallará sustos e experiencias terroríficas por distintos puntos da finca. Serán “A cova do asustador”, “O túnel do medo” (da Comparsa Cor Café), “As ouvellas asasinas” da Comparsa Cor Café), “O velorio das bonecas” (da Comparsa Cor Café), “O hospital psiquiátrico” (da Comparsa Val do Lérez) e “O show de lume e morte”. Tal e como explicou Sanmartín, “estas estacións estarán funcionando como atractivos no entorno da finca ata as 22.00 horas, polo que poden ser visitados en calquera momento e sen facer cola”.

A partir das 18.30 horas arrancarán as tradicionais rutas, que serán “Alicia no país dos horrores”, de Os da Caña, e “O lar do inocentes”, do CD La Peña. Para acceder a ambas será preciso facer cola e suporán un auténtico chute de adrenalina do medo ao que poderá accederse ata as 22.00 horas.

No Auditorio

No que respecta á zona de espectáculos, situada no Auditorio da parte inferior da finca, haberá unha programación continuada para que a diversión non pare en toda a tarde-noite. Haberá tres espectáculos: “O espanto victoriano”, con tres pases, ás 19.30, 21.00 e 22.00 horas; “Noite de bruxas”, con dous pases, ás 20.00 e ás 22.30 horas, e o Baile das Zumbis, que será ás 21.30 horas.

“Temos unha gran programación para poder desfrutar da festa de diferentes formas”, explicou Sanmartín, que incidiu en pedir “paciencia” cando se fagan colas nas rutas. “Temos moitos atractivos no resto do programa, que se poden visitar en momentos de máis cola e achegarse despois ás rutas. A idea é poder diversificar ás persoas que veñan en distintos puntos e desfrutar todos sen problema”.

Pequesamaín, postos de lambetadas e algunhas recomendacións

Outra das novidades desta edición é o Pequesamaín, unha zona específica que se habilitará no entorno do parque infantil da zona máis alta da finca, pensada para os nenos e nenas menores de 10 anos e que estará aberto desde as 18.30 ata as 21.30 horas.

Para acceder directamente ao Pequesamaín, habilitarase a entrada para este espazo pola Rúa da Costa e o Camiño da Cortiña, utilizando entón o acceso que dá directamente ao parque infantil. Haberá pintacaras, debuxos, Escola de Ballet do Terror, globos de helio, pompas de xabón xigantes… Todo pensado para que os máis peques tamén o pasen terroríficamente ben.

Por outro lado, haberá durante todo o evento postos de lambetadas na entrada da finca e na zona da lagoa.

Recomendacións

Desde o Concello, fan algunhas recomendacións importantes a ter en conta para o mellor desenvolvemento do evento:
● A través da web concellodemarin.es/samainbriz pódese descargar un mapa informativo da finca onde se indica toda a información útil: entradas e saídas, accesos, ubicacións das estacións, traxecto das rutas, localización dos postos de lambetadas… O mapa tamén estará en formato grande no entorno da finca e dentro do recinto para poder consultalo en calquera momento.
● Para aparcar, pódense utilizar algúns dos aparcadoiros cercanos, como os de Chan do Monte e o San Narciso (aos que acceder a través da subida do Lavadoiro de Mogor) ou incluso o que está no inicio do Vial de Praias.

Tamén están dispoñibles todos os aparcadoiros públicos do centro urbano, que son os seguintes:
○ Parcela Praza de España: 250 prazas
○ Praza do Regueiro: 60 prazas
○ Sagrada Familia: 25 prazas
○ Concepción Arenal: 100 prazas
○ Virxe do Carme: 40 prazas
○ Inferniño: 60 prazas
○ República Arxentina 1: 70 prazas
○ República Arxentina 2: 45 prazas
○ Quevedo: 50 prazas
○ Jaime Janer: 50 prazas
● Pola propia orografía da finca e por celebrarse o evento de noite, recoméndase a persoas con carriños de bebés ou bebés moi recén nacidos que eviten acceder ás rutas para evitar posibles accidentes, tropezos…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *