Cangas continúa demostrando o seu carácter solidario e este domingo ten previsto celebrar a andaina «Cangas, en marcha contra o cancro», organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC), en colaboración co Concello, con motivo da celebración do Día Mundial sen Tabaco. Sairá ás 10:30 da Alameda Vella, ata onde se regresará novamente tras pasar por Massó e o cámping de Liméns. Un acto solidario no que as persoas participantes poderán realizar voluntariamente a súa doazóns para destinalas a investigación e tamén aos enfermos e as súas familias.
Cada un dos asistentes recibirá un dorsal, unha camiseta, unha mochila e unha pañoleta verdes, cor corporativa da AECC.
Para o presidente deste colectivo en Cangas, Raúl Cerna, a asociación espera contar coa participación de moitas persoas e permitirá «informar á cidadanía dos servizos gratuítos a pacientes de cancro». En Cangas realizaron a 208 intervencións psicosociais e atenderon a 118 familias de enfermos graves.
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, acompañou aos directivos na presentación desta andaina.