Parque de Bombeiros do Morrazo.

As lapas calcinaron por completo a planta baixa e parte do andar superior

Unha persoa tivo que ser trasladada por inhalación de fume, a pasada tarde, despois de que se declarara un lume nunha vivenda, en Cangas.

Arredor das oito e media do serán, un particular informaba ao 112 Galicia de que ardía unha casa na Rúa Estrada de Bueu, na parroquia canguesa de Aldán. Ademais, preto do lugar, pasaba neses momentos unha patrulla da Policía Local do municipio, que tamén daba conta ao 112 Galicia do que acontecía.

Con esta información, de xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil e ao Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas.

Xa no punto, os axentes da Policía Local sinalaban que o lume afectaba a unha casa de dúas plantas e que xa sacaran a unha persoa do interior da vivenda. Posteriormente, ao remate das súas tarefas, os servizos de emerxencia confirmaron que o lume calcinara por completo a planta baixa e parte do andar superior.

Por último, o persoal sanitario indicou que tiveran que trasladar a unha persoa ao centro hospitalario de referencia por inhalación de fume.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *