O sábado 26 será a última oportunidade para poder visitar a Exposición de labores pospandemia que organizaron as asociacións Bolymar e Intercambio do Saber, en colaboración co Concello de Marín. A mostra, que está ubicada no Multiusos da Praza de Abastos e aberta ao público de 11.00 a 13.00 horas, recopila todas as pezas elaboradas polas membros destas asociacións ao longo dos meses de confinamento.
A concelleira Itziar Álvarez acudiu ata o Multiusos recentemente para visitar a exposición e falar coas representantes de ambos colectivos, ás que lles trasladou a noraboa polo traballo tan delicado e complexo que levaron a cabo para realizar estes bordados, que xa son un recordo máis dunha época difícil que nos tocou vivir como sociedade.