Teresa Carro, candidata do BNG á alcaldía de Vilaboa.
Veciña de Postemirón, Teresa Carro afronta a súa primeira candidatura á alcaldía de Vilaboa polo BNG. Na actualidade exerce de portavoz do grupo municipal nacionalista no Concello tras a marcha da súa compañeira Ornela en xullo de 2021, pero a súa experiencia en proxectos sociais vén de moito máis atrás, a adolescencia. Preséntase como unha opción de cambio.

MN: ¿Cómo definiría a lexislatura?

TC: Foi a lexislatura dos cambios. A dimisión do alcalde, a nosa posterior ruptura de goberno e a marcha de Ornela Fernández foron puntos clave destes anos.

MN: ¿Tivo dúbidas sobre se dar o paso para encabezar a candidatura do seu partido?

TC: Non tiven dúbidas no que respecta á miña decisión política e o meu compromiso con Vilaboa. Pero si tiven dúbidas pola factura que esta decisión me pode pasar a nivel familiar. Este nivel de compromiso resta muito tempo de familia e de amizades, e coidar das persoas que queres é o máis importante.

MN: ¿Resultoulle fácil facer a candidatura?

TC: Resultoume moi doado. As persoas que compoñen a nosa lista teñen todas un forte compromiso social e no momento de propoñerlles a idea aceptaron con moita alegría.

MN: ¿Cómo a definiría?

TC: A mellor palabra que define a nosa lista é a ilusión. Somos todas persoas que non perdemos o sorriso, que vimos de diferentes loitas sociais, que sabemos o que é a militancia e que nos sentimos ben facendo cousas para o colectivo.

MN: Se tivese que describir aos seus adversarios ¿qué palabra usaría para cada un deles?

TC: César Poza penso que lle tocou asumir un papel complicado, asumir unha alcaldía para a que non foi votado paréceme unha tarefa, como mínimo, complexa. Alberto Acuña é un amante dos cabalos e das redes sociais, ten o seu público.

MN: ¿Qué balance faría destes catro anos?

TC: Cada lexislatura é unha oportunidade para aprender, para adquirir experiencia e para medrar como cidadáns e como clase política. Tenho lembranzas máis doces e máis amargas, pero eu son noptimista por natureza.

MN: ¿Tes claro con quen nunca estarás de acordo se o necesitas para gobernar?

TC: Non nos plantexamos pactos, saímos cun proxecto sólido para Vilaboa e o pacto que imos facer é coas veciñas e veciños e coa Vilaboa do futuro.

MN: ¿Se tiveses que explicar brevemente aos teus veciños cales son as túas propostas para Vilaboa, como o farías e cal destacarías?

TC: A min gústame moito falar coa xente, todos os que me coñecen saben disto. Por iso, a mellor maneira de explicar as nosas proposta é a conversa, o diálogo, o feito de compartir un tempo e un espazo. O centro da nosa proposta política son as persoas, e todas as decisións deberían ter as persoas como centro, a partir desa idea construir e decidir.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *