O acto terá lugar ás 19:00 horas na casa de cultura de Riomaior amenizado coa actuación musical de Miguel Fraile e Patricia Sánchez
A casa de cultura de Riomaior acolle este venres, 14 de abril, a entrega do Premio 8M, creado este ano por primeira vez polo goberno local para recoñecer e visibilizar o traballo da muller en diferentes ámbitos. Nesta primeira edición a distinción será entregada a Teresa Alida Martínez, unha muller feminista, solidaria e comprometida coas causas xustas.
Esta muller, hoxe xubilada nacida en Moaña e casada en Vilaboa, recibirá o recoñecemento social pola súa traxectoria vital e social acompañada da veciñanza, do alcalde de Vilaboa e da concelleira de Igualdade, así como de membros da Corporación municipal. O acto estará amenizado pola música de Miguel Fraile e a voz de Patricia Sánchez.
Teresa Alida Martínez foi a primeira muller en cursar estudos superiores do Concello de Moaña, converténdose na colexiada número 11 da escola de ATS de toda España. Exerceu a súa profesión de enfermeira durante 42 anos, dos cales 35 o fixo na UCI de Montecelo, onde deixou unha gran pegada entre as súas compañeiras e compañeiros. Ademáis compaxinou a súa profesión coa colaboración co seu dono na empresa familiar de compra e venta de mariscos.
En canto á actividade social, foi presidenta da Asociación de Veciños de Santa Cristina participando sempre do movemento veciñal de protesta polas inxustizas, “como cando a estrada N-554 estaba nunhas condicións lamentables ou máis recentemente polas vivendas afectadas por Costas”, recorda Carmen Gallego, concelleira de Igualdade. “Tamén é unha muller que acude a todos os eventos culturais que se promoven dende o Concello ou o movemento asociativo, como as marchas polo 8 M”.
Ainda que se trata da primeira edición do premio 8M, o Concello de Vilaboa xa organizou antes da pandemia do COVID outros premios ligados a esta data como “Ti eres a nosa protagonista”. “Realmente o espiritu do Premio 8 de Marzo é o mesmo, tratar de recoñecer cada ano a figura dunha persoa ou dunha entidade que teña destacado pola súa defensa da igualdade entre mulleres e homes. De feito, o premio a Teresa Alida xa estaba previsto para hai dous anos pero os peches perimetrais e as prohibicións de celebrar actos en lugares pechados que poideran resultar multitudinarios fixeron que o Concello renunciase a organizar o evento ata que quedara superada a pandemia”, explica Carmen Gallego.
O premio que vai recoller Teresa Alida é unha figura tallada en madeira e pintada coas cores feministas, cunha técnica de escultura policromada e de madeira. “Creouse esta figura este ano e forma parte dunha colección numerada da que se entregará a primeira”. O título da escultura é “Muller das Salinas” e representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na man, en referencia ao traballo que facían as mulleres nas Salinas de Vilaboa. A súa autora é Irene Silva Xiráldez.