As autoridades esta mañá na Alameda de Marín.

O espectáculo “4.0” da trapecista e actriz incluíu acrobacias, teatro, danza e canción en directo para falar “con amor e humor” das dificultades para conciliar traballo e maternidade desde unha mirada feminista

A dura realidade á que se enfrontan as mulleres nais á hora de conciliar traballo e maternidade nunha acción escénica con “amor e humor”. A actriz e trapecista Sue Moreno plasmou hoxe na nova actividade do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” en Marín todas as acrobacias ás que se vén obrigadas as mulleres ante unha realidade na que aínda quedan lonxe a corresponsabilidade e a paridade nos coidados das crianzas.

Á representación desta peza, que leva por título“4.0”, asistiron a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Neste espectáculo, inspirado na súa propia experiencia como nai, Sue Moreno combinou acrobacias aéreas, teatro, danza e a canción en directo para falar das desigualdades a través dunha protagonista que no seu día a día trata de equilibrar traballo e maternidade e amosa as distintas caras desta etapa tan complexa cunha mirada feminista e, á vez, tenra, divertida e por momentos, absurda. O seu obxectivo: concienciar e dar visibilidade á situación actual da maternidade “na que a muller leva todo o peso do coidado e non existe conciliación co mundo laboral”.

Sue Moreno durante o seu espectáculo.

Así, en “4.0” o público marinense puido ver a través da protagonista da historia moitos dos momentos que vive unha nai nesa situación: apenas durme polas tomas do seu bebé e nada máis levantarse ten que facer fronte a unha axenda repleta de actividades que non ten en quen delegar. Estas circunstancias obrígana a levar as súas fillas, en moitas ocasións, as súas propias actuacións ou clases. O espectáculo contou coa voz en off real das fillas de Sue Moreno chamando por ela para representar ese momento no que unha nai non pode máis, pero que escoita as súas crianzas e recobra todas as forzas para seguir cara adiante.

A celebrada hoxe en Marín é a décimo sétima das 25 accións da actual VI edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, co lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Ni un paso atrás na loita cara a igualdade”. No que resta deste ano haberá outras oito propostas en outros tantos concellos da provincia ata os que a Deputación levará arte, música, accións de danza ou escénicas protagonizados por mulleres para reivindicar o fin das violencias machistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *