Este sábado, ás 12.00 horas, o Museo Manuel Torres acollerá a presentación do libro “Aquellos maravilloso años”, do marinense Santiago Louzao. Esta primeira novela do escritor, a cabalo entre Galicia e Cuba, supón unha viaxe ao pasado dun grupo de amigos, co propio autor como protagonista.
A educación, a sexualidade, a música, as drogas e toda a maneira de vivir durante a adolescencia deste grupo de personaxes será o fío conductor da historia, que quere ser unha oportunidade de viaxar a aqueles marabillosos anos de xuventude.
Santiago Louzao (Marín, 1977) viviu na nosa vila prácticamente toda a súa infancia e adolescencia. Iniciou os seus estudos de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela pero anos despois reconduciu a súa vida como empresario no sector da hostalaría en Pontevedra. Posteriormente, tivo que marchar de Galicia por traballo. O primero destino foi Mallorca, onde exerceu como funcionario no Ministerio do Interior. A continuación, tivo que reciclarse novamente no sector dos hidrocarburos, tamén na illa.
Despois, volve emigrar, desta vez a Barcelona, para traballar como Expert Flight Dispatcher na aviación. Aquí, nesta última etapa, aproveitando a crise do sector a
causa da pandemia, é cando por fin saca adiante este libro, que tanto tempo levaba rondando na súa mente.
Tendo familia e amizades en Cuba e despois de máis de quince viaxes a esta histórica illa, tan vinculada a Galicia como se pode descubrir no libro, acabou por convertila na súa segunda patria.