Vestíbulo do novo Auditorio de Marín.

Desde o momento no que quedou deserta a licitación pola elevada inflación dos prezos dos materiais, o Concello non deixou de traballar para reactivar o proceso de licitación

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, expuxo esta mañá que xa está practicamente rematada a proposta para a aprobación do proxecto do Centro Socio Cultural, co seu orzamento adaptado aos prezos de 2022, despois de que a licitación quedara deserta por non presentar a empresa a documentación requerida.

Foi preciso, desde ese momento, iniciar un traballo de readaptación do orzamento global do proxecto. “Debido ao incremento de moitos dos materiais que se van utilizar na súa construción, houbo que facer unha modificación do presuposto”, explica Ramallo.

Así, o orzamento total da obra será de 5.385.229,45 euros e seguirá contando coa financiación na mesma porcentaxe orixinal dos fondos do Marín Dusi, estratexia cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da
Unión Europea, e da Xunta de Galicia. “Desde o momento en que a licitación anterior quedou deserta, traballamos codo con codo coa empresa redactora do proxecto e co equipo técnico do Concello para poder ter este novo orzamento. Agora, levaremos o proxecto modificado ao próximo Pleno, co obxectivo de poñer en marcha de novo o expediente de contratación e, por tanto, abrir a licitación canto antes”, engadiu Ramallo.

Coa construción do Centro Socio Cultural, Marín poderá contar cun espazo artístico adaptado a todo tipo de espectáculos, dinamizando máis e mellor a cultura e o ocio na nosa vila.

Un “xogo de escamas” con cubertas vexetais, cristal e aceiro

Pola súa ubicación, o edificio está plantexado para integrarse á perfección no entorno, a Praza de España. Estará semisoterrado, reducindo así a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada costeira. Terá unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna, propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.

Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro. Será especialmente interesante a vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que, ao estar máis elevada sobre o terreo, servirá como miradoiro da superficie do Auditorio, cuxa horizontalidade permitirá que o ar sexa o último elemento da paisaxe á vista.

Segundo se recolle no proxecto, todos os materiais serán durables e de escaso mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia a e humidade do ambiente.

Un edificio sostible de consumo case nulo

Por outra banda, o Auditorio está proxectado como un EECN (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo). Para iso, combinaranse instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético. Ademais, todos os sistemas de servizo contarán cas certificacións enerxéticas máis altas posibles.

O inmoble contará con amplos aleros na zona sur, que xerarán sombras ao interior, evitando que a incidencia do sol provoque efecto invernadoiro no interior.

Isto virá acompañado da utilización de vidros de control solar, que teñen a capacidade de reflectir a enerxía do sol, controlando tamén a temperatura interna da infraestrutura. No que respecta á iluminación interior, utilizarase tecnoloxía de tipo LED con sistema DALI, que regula a intensidade luminosa en función da iluminación exterior.

Estrutura interna: espazos con múltiples funcións

O deseño do interior do Auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior.

A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo.

A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *