Destaca o traballo “incansable e serio” do grupo municipal, e sinala que “cando se está pegado á cidadanía, atendendo as súas inquedanzas e preocupacións, é máis fácil acertar”
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, reuniuse onte pola noite con concelleiros e afiliados de Bueu, dentro da rolda de encontros que está mantendo por toda a provincia coa vista xa posta nas eleccións municipais do ano próximo. Rueda subliñou que é fundamental escoitar ás xuntas locais para analizar os retos que teñen por diante.
Así, remarcou a importancia de seguir traballando para visibilizar todas as iniciativas que o PP está facendo na súa labor de oposición municipal, e remarcou o traballo “incansable e serio” da voceira local, Elena Estévez, tanto no Concello de Bueu como na Deputación de Pontevedra, así como do resto de concelleiros.
Nesta liña, subliñou que “non hai partido máis localista que o PP, e cando se está pegado á cidadanía, escoitando e atendendo as súas inquedanzas e preocupacións, é máis fácil acertar”. Por iso, pediu “estar constantemente na rúa. Agora que a situación sanitaria é mellor, debemos recuperar o traballo que mellor sabemos facer, que é a política de proximidade. Canto máis escoitemos, máis acertaremos”.