As medidas apoian a modernización das confrarías, a recuperación dos bancos marisqueiros e a competitividade da industria transformadora. Tamén reciben respaldo novos proxectos de innovación, diversificación e posta en valor do patrimonio mariñeiro
A Xunta, a través da Consellería do Mar e dos fondos FEMPA, está a mobilizar en 2026 máis de 1,5 millóns de euros en axudas e actuacións no ámbito do Morrazo para reforzar a actividade pesqueira e marisqueira, mellorar as infraestruturas das confrarías, impulsar a industria transformadora e apoiar novos proxectos vinculados á innovación, á diversificación e á posta en valor do patrimonio marítimo e pesqueiro.
En Cangas, o Goberno galego destina este ano 103.091,73 euros á Confraría de Pescadores para dúas actuacións: a modernización funcional e hixiénico-sanitaria da lonxa, por importe de 59.941,80 euros, e a dotación de equipamentos auxiliares de varada e sistemas de acceso, por 43.149,93 euros. Pola súa banda, a Confraría de Aldán-Hío conta cunha achega de 17.605,50 euros para a instalación dunha nova cetaria e un sistema de estabulación de marisco.
O apoio ao sector en Cangas complétase cos proxectos aprobados no marco das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Entre eles figura o proxecto Congorza, con 72.550,22 euros, que aposta pola recuperación e posta en valor do espazo natural litoral de Punta Balea, combinando a mellora ambiental coa divulgación e sensibilización sobre este enclave. Pola súa banda, Perceval, con 13.391 euros, busca a valorización tecnolóxica dunha fracción do percebe con menor saída comercial, co obxectivo de xerar novas oportunidades a partir deste recurso.
Tamén en Cangas, Experiencia Mariñeira Liña e Cordel, con 6.165,70 euros, está orientada á recuperación e divulgación da cultura e das experiencias vinculadas á actividade mariñeira tradicional, mentres que Mar de Andanzas, Ondas de Sabenza, con 1.782,45 euros, achega á sociedade o coñecemento sobre o medio mariño e a actividade pesqueira a través de accións de divulgación e sensibilización.
Recuperación dos bancos
Unha das principais liñas de actuación da Xunta en 2026 céntrase na recuperación dos bancos marisqueiros afectados polos episodios de baixa salinidade provocados polos temporais de comezos de ano. Para facerlle fronte, asináronse convenios de colaboración bilaterais entre a Conselleria do Mar e as confrarías máis afectadas, en base a unha partida extraordinaria de case 23 millóns de euros que o Goberno galego habilitou para paliar eses danos.
En Moaña, a Consellería do Mar asinou coa Confraría San Martín un convenio por importe de 133.679,80 euros para desenvolver tarefas de semicultivo, acondicionamento do substrato, sementeiras e vixilancia, cunha participación directa de 49 mariscadoras.
En Vilaboa, o convenio coa Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira ascende a 380.946,07 euros e contempla a restauración das zonas produtivas da enseada de San Simón, incluída a sementeira de 4 millóns de unidades de ameixa, así como diferentes traballos de acondicionamento, vixilancia e seguimento. A estas actuacións súmanse 69.157,90 euros para a adquisición dun tractor e remolque de varada destinados a mellorar a seguridade nas operativas do peirao de Santa Cristina de Cobres.
O ámbito de Vilaboa conta ademais co proxecto Roteiro Tradicional Pesqueiro Punta do Aradoiro, levado a cabo polo GALP con 200.000 euros de axuda autonómica, e que está destinado á recuperación e posta en valor dun itinerariotradicional vinculado á actividade pesqueira, mellorando o seu aproveitamento como recurso de patrimonio, divulgación e dinamización do territorio.
Máis competitividade para a industria
En Bueu e Marín, mobilizáronse máis de 324.000 euros en axudas para a modernización e automatización da industria transformadora. Entre elas figura a axuda de 227.337,50 euros a Peixoto Alimentación para unha nova liña de elaboración de luras e a mellora do sistema de control do polbo, así como diferentes investimentos de Conservas Lago Paganini para automatizar
procesos e mellorar as súas instalacións.
No caso de Bueu, a confraría dispón tamén de 132.270,58 euros para a modernización dos equipamentos do seu varadoiro, mentres que en Marín concedéronse 77.337,84 euros para a dotación de módulos de socorrismo e servizos sanitarios accesibles nos areais do municipio.
A estas actuacións súmanse outros proxectos no marco das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo que inciden no territorio do Morrazo. A música nas artesanías primixenias do mar, con 41.938,36 euros, desenvolvese en Cangas, Moaña e Vilaboa e aposta pola recuperación e difusión do patrimonio cultural vinculado aos oficios e artesanías tradicionais do mar, empregando a música como elemento de conexión coa memoria e a identidade das comunidades costeiras.
Tamén se apoian iniciativas de maior ámbito na ría de Vigo, como Remodaría: Patrimonio, Costa e Futuro, orientada á recuperación e valorización do patrimonio costeiro e mariñeiro, e Opti-IslasCies, centrada na mellora da eficiencia operativa e da calidade dos procesos relacionados coa actividade marisqueira e a comercialización dos seus produtos.
O conxunto destas actuacións reflicte unha aposta integral da Xunta polo futuro do sector do mar no Morrazo, combinando o apoio ás confrarías e aos profesionais coa recuperación dos recursos, a modernización das instalacións, o impulso á industria transformadora e a diversificación e valorización da actividade marítimo-pesqueira.

