A EDAR de Bueu.

O Concello de Bueu recibiu o venres o informe de Augas de Galicia, no que se constata que a Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR) cumpre coas esixencias da Directiva 91/271/CEE, polo que se confirma que a calidade global da EDAR é aceptable, así como que o equipo de desinfección está apagado. Así o manifestan desde o goberno de Bueu nun comunicado de prensa.

Neste informe, Augas de Galicia tamén establece unha serie de recomendacións, como é a posta en funcionamento do equipo de desinfección UV, así como a mellora da aireación do reactor biolóxico e dos niveis de nitróxeno.

Con estes resultados na man, o Concello de Bueu mostra a súa tranquilidade en canto ao funcionamento correcto deste servizo aínda que “sempre é posible mellorar e por iso trasladaremos este escrito á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga para que se apliquen as melloras recomendadas”, apunta Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa.

Así mesmo, o Concello mantén sempre unha actitude de alerta e de verificación do funcionamento das instalacións municipais de abastecemento e saneamento, co obxectivo de garantir que as incidencias que se poidan producir ocasionen o menor impacto posible nas augas da nosa ría e nos espazos naturais.

Doutra banda, o Concello tamén recibiu estes días confirmación de que Augas de Galicia realizará labores de mantemento na canle fluvial do Rego da Pena. Neste sentido, o alcalde móstrase satisfeito porque tiveran en conta as continuas peticións do goberno local nos últimos anos, e “confiamos en que estes traballos se fagan extensivos ao resto de canles da súa competencia”, remarca Juncal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *