En resposta a unha das preguntas que a popular formulou no Senado, evitan dar datas tanto para concluír o tramo de paseo executado como para a súa apertura ao público
A senadora do PP, Pilar Rojo, denuncia que o Goberno central volve a dar largas sobre o Paseo marítimo entre Pontevedra e Marín, e evita dar datas tanto para concluír o tramo do paseo executado e a súa apertura ao público, como para convocar un novo concurso co que levar a cabo a segunda parte do proxecto e así poder desbloquear unha situación que, segundo a popular, “comeza a ser insostible”.
Así, Rojo formulou varias preguntas escritas no Senado esixindo respostas e prazos concretos para abrir o paseo, que leva meses rematado e pendente de inauguración, pero que xa está amosando “evidentes signos de deterioro e abandono”.
A senadora quéixase de que “só contestan unha das catro preguntas que rexistramos desde o PP sobre esta situación, e aínda por riba, non responden ao que se lles formula. A pregunta era moi clara: Cando ten previsto convocar o concurso para a adxudicación definitiva da obra? E a resposta, que chegou a mediados de decembro e dous meses despois de realizala, evita dar datas e prazos. Fálase de proxecto, de estar traballado, pero cero concreción”, denuncia Rojo.
Así, recorda que “os veciños de Pontevedra e de Marín levan máis de un ano esperando por un proxecto que está sendo unha auténtica chapuza, na súa execución, xestión e tramitación por parte do Goberno central”. É máis, subliña que a día de hoxe, “é urxente, que aceleren os traballos xa que os pontevedreses están fartos da espera e mostra diso é que o precinto que impedía o acceso ao paseo está roto e as persoas xa están transitando por el”.
En canto ás preguntas que non contestaron e para as que xa rematou o prazo para facelo, Rojo anunciou que reclamou a súa reconversión en preguntas orais ante a falta de explicacións do Goberno central. Deste xeito, a Secretaria de Estado, a pontevedresa Isabel Pardo de Vera deberá asistir ao Senado para contestar, por exemplo, en que situación se atopa actualmente o expediente desta obra, que prazos manexa o Goberno para finalizar o paseo e abrilo ao público, a canto ascende o orzamento da nova licitación ou cal foi o sobrecuste económico respecto ao orzamento inicial previsto para a obra. “Os pontevedreses merecen unha explicación clara e contundente”, reclama.
Por último, desde o PP recordan que a finais de ano o Goberno central só tiña pagado o 10% do crédito total do proxecto. Dos 2,1 millóns de euros do proxecto, había comprometidos 1,4 millóns de euros, e só o 10%, é dicir, 220.000 euros, estaban pagados.