Barriada da Virxe do Carme de Marín.

Suporá unha inversión de máis de 215.000 euros, que se financiarán con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra

Nos derradeiros tempos o Concello de Marín está levando a cabo unha serie de actuacións para tratar de ir consolidando zonas do centro urbano cunhas características que melloren a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade viaria das persoas, facilitando a convivencia.

Na actualidade o Concello de Marín ten desenvolvidos os proxectos nos viarios limítrofes coa Urbanización Virxe do Carme, é dicir, a rúa Francisco Landín Pazos, a rúa Jaime Janer e a rúa do Souto. Así mesmo está en fase de execución o proxecto mellora na rede de saneamento de Marín no contorno do río Lameira, promovido pola Xunta de Galicia, na que se renovará totalmente o colector de augas residuais existente na marxe do río Lameira, ao oeste da Urbanización Virxe do Carme. Unha vez executadas as obras correspondentes ao devandito proxecto, quedará resolto o problema que presenta na actualidade o colector existente.

Dentro de esta liña de actuacións, proponse na urbanización Virxe do Carme unha actuación na que se melloran as condicións de mobilidade existentes, conseguindo un núcleo máis seguro e acolledor. A urbanización Virxe do Carme ten o seu orixe na antiga Barriada de Suboficiais da Armada, construída sobre os anos 50 do século XX e coa finalidade de proporcionar aloxamento ás familias dos suboficiais. Está situada en pleno centro urbano de Marín, na marxe dereita da estrada autonómica PO-313 (Marín-Moaña), na rúa Jaime Janer.

No 2008, a propiedade de parte dos viarios da urbanización Virxe do Carme foi transmitida polo Instituto para la Vivienda de las Fuerzas Armadas (INVIFAS, actualmente Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa INVIED) ao Concello de Marín. Na actualidade, os viarios municipais da urbanización Virxe do Carme, debido á súa antigüidade, presentan defectos no estado dos seus pavimentos de calzada, polo que resulta necesaria a súa renovación.

A renovación dos pavimentos de calzada nos viarios considerados neste proxecto ofrece unha mellor mobilidade, humanizando deste xeito o espazo público, permitindo tanto a circulación de peóns como de vehículos dunha forma máis cómoda e segura, mantendo espazo ordenado para o estacionamento. Así mesmo, o proxecto favorecerá a mobilidade sustentable fomentando os desprazamentos a pé aínda que se conserva o paso e estacionamento de vehículos.

Parte dos viarios pertencen ao INVIED, polo que unicamente se contemplan actuacións nos viarios de titularidade municipal, que na actualidade dispoñen de pavimento de aglomerado asfáltico nas súas calzadas. Estes viarios son os paralelos á rúa Jaime Janer: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 (segundo plano) e os paralelos á rúa Francisco Landín Pazos: 9, 10, 11, 12 e 13. Por tanto, a superficie do ámbito de actuación do presente proxecto é de 8.294 m2.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *