Unha captura da videochamada dos portavoces.

A proposta conxunta, acordouse que se destinarán os importes económicos non percibidos pola Corporación a reforzar as partidas sociais máis importantes

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, convocou por vía telemática este mediodía aos
portavoces dos grupos políticos que conforman a Corporación marinense a unha Xunta
de Portavoces para dar conta sobre o protocolo de acción local contra o coronavirus que
está a levar a cabo o Concello e analizar as necesidades de tomar novas medidas tanto
sociais como económicas para tratar de paliar as consecuencias que acarrea a crise
sanitaria.

A xunta contou así coa participación, ademais da alcaldesa, do portavoz do Partido
Popular, Manuel Santos; do portavoz do Partido Socialista, Manuel Pazos, e da portavoz
do BNG, Lucía Santos.

Unha das informacións das que se deu conta na Xunta foi a posta en marcha das probas
PCR ao persoal que traballa na Residencia da Terceira, que deron todas negativas.
Por outra banda, tratouse a cuestión da dotación de material de protección, imprescindible
para poder cumprir coas medidas de prevención de contaxios, básicas nesta loita contra a
Covid19.

A alcaldesa asegurou que tanto a Policía Local, “coa que mantemos reunións de
coordinación diarias” como a Policía Nacional, o Centro de Saúde e todos os servizos
públicos esenciais que seguen en funcionamento contan con todo o material necesario
para protexer ao persoal.

Ademais do material propio co que se contaba, recibíronse catro envíos por parte da Xunta
de Galicia para reforzar as dotacións.

Un importante plan de acción social
A nivel social, unha das novas medidas que se tomou durante as últimas semanas foi a
posta en marcha de bonos de axuda, en coordinación co departamento de Servizos
Sociais, para as familias máis desfavorecidas da vila, cos que axudar á adquisición de
produtos alimenticios.

Por outra banda, tanto as ONGs como o comedor social segue a pleno rendemento, “polo
que temos que agradecer profundamente o labor voluntario que están a realizar todos os
seus membros nestes momentos”, declarou Ramallo.
Segundo as cifras expostas na Xunta de Portavoces, no Comedor Social están a
despacharse 90 racións de comida para levar, ademais doutras 40 que se reparten a
domicilio, cumprindo con todas as medidas de prevención e hixiene.
No que respecta ao resto de organizacións sen ánimo de lucro, están centrando a súa
axuda na subministración de produtos non perecedoiros a un total de 400 familias.
Asemade, estanse resolvendo as subvencións nominativas para que todas estas entidades
sociais poidan contar con elas.

Como xa se comentou noutras reunións, o Servizo de Axuda no Fogar segue tamén
funcionando ao cen por cen, dándose de alta a sete novos usuarios durante estes días, que
se suman aos máis de 80 que xa viñan sendo atendidos con anterioridade.
Ademais, segue avanzando a teleasistencia ás persoas máis vellas, para saber da súa
situación, por se precisan algún tipo de axuda, que lles é prestada polos voluntarios de
Protección Civil, en coordinación co Concello. Ao inicio desta medida contactábase co
smaiores de 80 anos, pero na última semana as chamadas ampliáronse até a partir dos 75.
En total, segundo as cifras que manexa a Concellaría de Benestar Social contactouse con
case 1.000 veciños e veciñas, cerca de 30 dos cales manifestaron precisar axuda puntual.
Finalmente, e a proposta conxunta de todos os portavoces, acordouse que se destinarán
os importes económicos non percibidos polos membros da Corporación a incrementar
aquelas partidas que se consideren máis necesarias dentro da área de Servizos Sociais.

Seguen os batallóns de limpeza
Os traballos de desinfección e limpeza das rúas de todo o municipio seguen o seu curso,
coa participación doas brigadas de limpeza, que traballan por quendas; de Protección
Civil e das empresas que, solidariamente, aportan o seu grao de área.
Ese é o caso de Servisub, que axudou na desinfección dos vehículos oficiais de limpeza
e da Policía Local cun canón de ozono.
As zonas nas que se incide de maneira específica na limpeza son as entradas ao Centro
de Saúde, da residencia da terceira idade, dos supermercados, farmacias e dos Mercados
de Marín e de Seixo, así como tamén nas entidades bancarias.

Obra pública
Se todo segue como até agora, a actividade da construción volverá a partir do próximo
luns e, polo tanto, retomaranse aquelas obras que estaban a executarse desde o Concello, como a II fase da humanización de Concepción Arenal ou a renovación das bombas
hidráulicas do colector da Goleta, en Aguete.
A Xunta de Portavoces volverá celebrarse a próxima semana, tamén telemáticamente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *