A rexedora expresou a súa postura sobre o tema no Pleno da Corporación,
asumindo “a nosa obriga como institución de seguir a información das fontes oficiais, que nos din que ese hipotético peche non se vai producir”
“Como institución, non podemos apoiar un hipotético peche que tal e como nos indica a información oficial nin se produciu, nin se vai producir”. Así interveu esta noite a alcaldesa de Marín, María Ramallo, no Pleno da Corporación para referirse á moción debatida en torno ao Centro de Saúde de Seixo.
Tal e como explicou a rexedora para argumentar a postura do Concello ante a moción que se debateu en sesión plenaria, “xa o pasado Pleno fun interpelada por esta cuestión e din as explicacións que me trasladaron desde a autoridade competente sanitaria”.
A cuestión, que xa fora tratada por Ramallo en reunións previas cos facultativos do centro e os responsables da Área Sanitaria, ten que ver coa xubilación dun dos médicos do centro, que se fará efectiva o 15 de agosto. Nesa reunión, na que participaron tamén representantes da asociación de comerciantes, “ninguén falou de peche, de desmantelamento ou de amortizar ningunha praza”, aclarou a alcaldesa. De feito, Sanidade non só evidenciou esta postura en privado senón tamén en público, cun escrito remitido aos medios de comunicación no que a propia xerencia insistiu en que a súa vontade é “facer todo o posible para cubrir esa ausencia e manter o servizo activo para que acceda libremente a ela calquera facultativo do Servizo Galego de Saúde”.
Por iso, a alcaldesa defendeu que “a nosa obriga como Concello é trasladarlle á veciñanza de Seixo a información oficial que temos, xa que non temos motivos para non crer o que se nos di en público e en privado”. Desde o punto de vista da rexedora, non se pode apoiar “unha causa por se acaso acontece”. Asemade, Ramallo incidiu en que “a mellora da sanidade pública debe seguir sendo un esforzo económico e de persoal para a administración, e debemos manter a nosa esixencia para acadar unha mellora constante”.
Moción conxunta contra o peche da oficina de Abanca
Por outra banda, o Pleno tratou a moción conxunta presentada por todos os portavoces dos tres grupos, PP, PSOE e BNG, para solicitar á dirección de Abanca que reconsidere o peche da oficina de Abanca de Seixo. “Son moitos os usuarios particulares que teñen que ir a esta sucursal para que lles presten todo tipo de servicios financieiros que, na súa inmensa maioría, requiren de un asesoramento por parte de profesionais da banca e que non están ao alcance de calquera ciudadano.
Sen a existencia desta oficina estaremos obligados a desprazarnos ( con todas as molestias que isto poida acarrear ) a outras sucursais doutras localidades como Marín ou Bueu para que nos presten os mesmos servicios bancarios que habitualmente nolos xestionaban na nosa oficina. Isto é un hándicap importante, pois é sabido que a calidade dos servicios bancarios prestados a un ciudadán ou a unha empresa, se basan na confianza mutua”, pódese ler no escrito elaborado pola Asociación ACEMAS, que é o que se elevou ao Pleno para o seu apoio por parte dos grupos.