Infografía do futuro Pump Truck da Virxe do Carme.

Trátase doutra mellora deste espazo, ademais da gran senda verde fluvial, que se engloba nas obras de renovación do colector do río Lameira

A renovación do colector do río Lameira non é só unha obra esencial de mellora ambiental e de saneamento, senón que tamén permite a mellora urbana de toda esta zona, dándolle unha volta total a un espazo que aínda tiña moito que ofrecer. A inversión, que supera os 3 millóns de euros e que provén da Xunta de Galicia, está a cubrir toda esta actuación, de enormes dificultades técnicas, pero que cada vez vai avanzando máis, reubicando o colector de saneamento e liberando o cauce do Río Lameira, recuperándoo a nivel ambiental.

A fisionomía da senda verde fluvial que se vai creando ao carón do río tamén é visible case en toda a súa extensión, desde case o lavadoiro na zona que sube cara Pardavila como ata o entorno da Barriada Virxe do Carme, zona central do Río Lameira e que tamén ganará unha nova zona de lecer.

Na parcela coa que quedará cuberto o tanque de tormentas, crearase unha zona de lecer con pérgolas de sombra, elementos de descanso, zona de skate e unha pista pump truck. Esa é a proposta que ten Augas de Galicia e que respalda o Goberno local e que será unha realidade a medida que avancen os traballos. “Con esta nova dotación de equipamento lúdico e deportivo, mantemos a natureza dunha zona verde, pero uníndoa con deporte e con ocio xuvenil”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que considera esta obra como unha actuación clave, coa que “conseguimos varios fitos á vez: melloramos o saneamento nesta zona, recuperamos o río Lameira a nivel ambiental e habilitamos novos espazos en lugares que ata agora aínda tiñan máis que ofrecer”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *