A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación das expropiacións para as obras de acondicionamento da estrada PO-315, ao seu paso polo concello de Cangas, e que suporán un investimento de case 227.000 euros.
A actuación terá lugar en dous tramos desta vía autonómica, e mellorará os itinerarios peonís, a calzada e os seus elementos para reforzar a seguridade viaria. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/dJ4eYB3
O Consello da Xunta autorizou o pasado 25 de maio as expropiacións dos predios necesarios para levar a cabo esta actuación, que ten o obxectivo de acadar unha importante mellora da seguridade viaria, reducindo a posibilidade da aparición de sinistros na zona e redundando no confort dos itinerarios peonís.
A previsión é convocar o levantamento das actas previas das expropiacións no segundo semestre do ano. A actuación ten un prazo de execución de catro meses.
Concretamente, actuarase en dous tramos da PO-315. O primeiro deles, entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380, ao paso pola parroquia de Aldán, onde se disporán novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil adosada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa. Tamén se renovarán as redes de pluviais e o alumeado.
Ademais, reordénanse as interseccións actuais, de acceso á praia de San Cibrán, os pasos de peóns e a parada de autobús. Tamén se procederá á extensión dunha nova capa de rodaxe no firme deste primeiro tramo.
O segundo treito da actuación sitúase entre os puntos 13+200 e o 13+550, onde se acometerán tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de escolleira.
Prevese que a intervención sexa financiada con fondos europeos React-UE. O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable.