A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten definida unha partida de 70.000 euros, dentro do servizo de redacción de proxectos en medio centenar de instalacións autonómicas, para os estudios previos necesarios para a remodelación das instalacións de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. Así llo comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, ao alcalde nunha reunión de traballo na sede do organismo autonómico.
A actuación prevista para Santa Cristina de Cobres prevé mellorar a operatividade das instalacións e reducir, de ser posible, o seu impacto ambiental, especialmente no hidrodinamismo da zona. Segundo trasladou a presidenta de Portos, a día de hoxe o ente público ten rematada a batimetría necesaria e aborda agora outros estudios marítimos como o de axitación da ondaxe ou o estudio de dinámica litoral.
O servizo de redacción de estudios e proxectos, que se atopa xa en execución, inclúe así mesmo o estudio hidrodinámico de correntes, o documento ambiental, estudio de patrimonio cultural e arqueolóxico, estudio batimétrico, estudio de alternativas, anteproxecto ou proxecto básico e proxecto construtivo. Lenguas Gil explicou ademais que a proposta integra a petición do sector de Vilaboa de estudiar a posibilidade de perforación do dique para maior permeabilidade permitindo o fluxo de correntes dun a outro lado do mesmo.
Finalmente, informou tamén de que Portos de Galicia é coñecedor das necesidades do sector portuario, especialmente o bateeiro, que opera no porto de San
Adrián. Nesta dársena está planificada a presentación dunha proposta de ampliación do abrigo que será concretada en función da dispoñibilidade técnica e orzamentaria. A este respecto lembrou que calquera actuación neste punto resulta especialmente delicada ao tratarse dunha zona incluída na Rede Natura 2000.
O PP vilaboés, en contacto coa consellería
O portavoz municipal popular, Alberto Acuña, pola sua parte, cre que vanse dando os pasos previstos dende a Conselleria do Mar para mellorar as infraestructuras do Concello de Vilaboa. Recorda que dende a agrupación local «estamos intensificando o traballo con este ente dende fai meses con reunions puntuáis». Acuña apunta que para o PP vilaboés “o sector do mar é fundamental e que, polo tanto, todas as suas inquedanzas son as niñas».