A Xunta Local de Seguridade esta mañá en Cangas.

Incrementouse o número de ciberdelitos e detectouse un lixeiro repunte das infraccións habituais como lesións e ameazas derivadas do ocio nocturno

Garda Civil e Policía Local de Cangas coordinaranse nos dispositivos de seguridade cidadá e de Tráfico, con controis de circulación móbiles e aleatroios nos principais accesos e saídas da localidade, dispoñendo de varias patrullas para a realización de controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención  pola posible falta de  responsabilidade dalgúns condutores durante as Festas do Cristo de Cangas. 

Esta é unha das medidas que se tomaron na Xunta Local de Seguridade que tivo lugar esta mañá en Cangas á que acudiu a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Xunto a ela estivo a alcaldesa, Victoria Portas, o xefe da Policía Local, Alberto Agulla, o de Protección Civil, Cesáreo Rodríguez, o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e outros responsables do corpo, así como a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero.

Na reunión se promoveron e coordinaron as medidas dirixidas a garantir a seguridade na localidade durante as Festas do Cristo que se celebran do 27 de agosto ao 3 de setembro. Maica Larriba supervisou os operativos necesarios para o bo desenvolvemento destas xornadas de festa, que pasan por establecer unha ampla coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil para ofrecer as máximas garantías de seguridade. Tanto a subdelegada como a alcaldesa remarcaron a importancia da coordinación institucional pero apelaron “á responsabilidade individual para que todas e todos poidamos gozar duns festexos seguros”.

Doutra banda, a subdelegada do Goberno puxo en valor e agradeceu a iniciativa do Concello para dispoñer durante as Festas do Cristo dun punto violeta, “pois permite dar maior seguridade ás mulleres e sensibilizar ao público para previr e desfrutar das festas baixo o respecto ás mulleres”.

Incremento dos ciberdelitos

No encontro analizáronse tamén as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas no municipio durante o que vai de ano. A subdelegada do Goberno sinalou que en Cangas -como sucede no resto da provincia- se detecta un incremento dos ciberdelitos, que supoñen xa unha de cada tres denuncias rexistradas na capital comarcal do Morrazo. Tal e como transmitiron os responsables policiais presentes na Xunta, estes delitos continúan a crecer mes a mes en toda a provincia e lastran as cifras xerais de infraccións penais do concello.

Neste sentido, o Concello colleu a testemuña da Subdelegación, que se comprometeu a ofertar cursos de formación e prevención neste sentido, para ofertar aos cidadáns cangueses e tratar de reducir as elevadas cifras de ciberdelitos que deixan as estatísticas tras a pandemia.

Polo seu lado, a alcaldesa recalcou que a percepción de seguridade en Cangas durante este verán está a ser grande, aínda que se detecta un lixeiro repunte das infraccións habituais como lesións e ameazas debidas a rifas, en moitas ocasións vinculadas ao ocio nocturno. Con todo, trátase dun incremento que entra dentro da normalidade tras a volta á actividade total da cidadanía tras a pandemia.

Fondeo na ría de Aldán

A Xunta Local de Seguridade foi aproveitada polo Concello para solicitar a colaboración da Garda Civil na vixilancia do fondeo de embarcacións na ría de Aldán. Malia non estar permitido pola normativa, a ría convertiuse nos últimos veráns nun espazo habitual de fondeo para embarcacións de recreo. A Garda Civil comprometeuse a manter a vixilancia e a dar aviso ao servizo marítimo cando se detecten atraques irregulares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *