Reclámanlle que cumpra os compromisos adquiridos tras as súas denuncias públicas de abril
O pasado mes de abril as traballadoras e traballadores do centro de saúde de Cangas denunciaban a restrición de vacacións. Tras a protesta, aseguran que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo comprometeuse co cadro de persoal do centro a cubrir o 33% das ausencias e valorar apoiar ao centro cun reforzo de costa. Sen embargo, denuncian que iniciado o mes de xullo atópanse con que as vacacións de enfermería deste centro están sen cubrir, quedando 6 enfermeiras de adultos dun total de 9 e 3 enfermeiras de pediatría dun total de 4.
«A Xerencia rompeu o compromiso de cubrir as vacacións do persoal e esta situación vai supor unha limitación na asistencia do centro que terá que priorizar a realización de curas crónicas e a atención urxente ao ter que asumir a atención dos doentes das enfermeiras ausentes», advirten dende enfermería.
Ademais, recordan, «nesta localidade o importante aumento de poboación durante o verán multiplica tamén a demanda asistencial no centro. Esta atención antes da pandemia era asumida polos coñecidos “reforzo de costa”, figura da que se prescindiu este ano».
Para os propios traballadores, esta situación supón un «deterioro importante na atención, demorando a realización de cita programada a enfermos crónicos, así como técnicas diagnósticas necesarias para o control da enfermidade». Unha sobrecarga que se xenera «polas demoras» e que seguirá recaíndo sobre o persoal de enfermería que terá que asumir, tras o periodo de vacacións, todo o traballo que non se puido desenvolver pola falta de persoal.