Xuvenil do 79.

O Clube celebra este sábado o seu 50 aniversario cunha xornada chea de actividades, sorpresas e sorteos e que estará marcada polo ambiente festivo

A Sociedade Deportiva San Adrián celebra este sábado o seu 50 aniversario cunha xornada que estará repleta de actividade e de emocións e na que os auténticos protagonistas serán todos aqueles que coa súa implicación fixo posible esta primeira parte da historia da entidade.

Cunha carpa para protexerse dun intenso sol que brillará para acompañar a celebración, o día arrancará cunha celebración litúrxica na que se recordará aos que xa non están e continuará cun xantar, música, sorteos, sorpresas e minifestival ata entrada a medianoite.

A Sociedade Deportiva Cultural San Adrián cumpre medio século de vida, e a súa historia é a crónica dunha comunidade que sempre soubo que o deporte é moito mais que unha competición.

Era 1975 cando Manuel Fresco Reboredo, párroco de San Adrián, tivo unha desas ideas que nacen do corazón: crear un clube de fútbol que servise non só para promover o deporte, senón para xuntar á xente ao redor de valores como o esforzo, a solidariedade e o amor pola terra.

Acompañárono nesta aventura Santiago Dios Otero, Francisco Fernández Crende, Francisco Casal Calvar e Francisco Iglesias Acuña. Cinco homes con visión, cinco nomes que hoxe están gravados na memoria do clube e que sentaron as bases do que había de vir.

O primeiro partido oficial foi toda unha declaración de intencións. No campo de Pasarón, en Pontevedra, ante o Atlético Pontevedrés, o marcador de 11-0 non desanimou a ninguén. Todo o contrario: confirmou que estaban empezando desde abaixo, como hai que facer as cousas ben feitas.

Un campo, unha casa

O 16 de novembro de 1975 foi unha data histórica. Ese domingo inaugurouse o campo actual cun amigable fronte ao Alondras CF. Curiosidade do destino: as camisetas granates que hoxe son seña de identidade tiveron que cederlles paso, naquel día inaugural, a unha equipación azul e branca para evitar confusións co equipo visitante.

Porque as cores dunha camiseta contan historias. O granate e o azul escuro do San Adrián non son casualidade: son elección, identidade, unha forma de dicir “somos isto e de aquí somos”.

Se hai un momento que define o que pode chegar a significar o fútbol para unha comunidade, ese foi o 19 de xullo de 1978. No campo de Chan do Cura, nun partidazo que se foi á prórroga, o San Adrián proclamouse campión da Copa Rías Baixas tras vencer ao Moaña CF por 3-2. O gol decisivo foi de Amancio, un nome que quedou para sempre na lenda do clube.

Desde aquela primeira participación na 1ª División do Campionato Comarcal do Morrazo, onde ficaron novenos entre catorce equipos, o San Adrián non parou de crecer. Os números falan por si sós: 4 tempadas na 3ª Rexional, 27 na 2ª Rexional e 18 na 1ª Rexional. Un club que sempre soubo cal era o seu sitio, pero que nunca deixou de aspirar a máis.

Ao longo destes cincuenta anos, 15 presidentes, 34 adestradores e máis de 100 directivos deixaron a súa pegada no clube. Uns máis visibles que outros, pero todos fundamentais para que hoxe poidamos falar desta historia de éxito.

O presente: máis que un club

Hoxe, o San Adrián é moito máis que o equipo sénior que compite na 1ª Futgal e tras unha tempada de lesións fai que o equipo nesta data tan especial descenda. É un ecosistema deportivo completo: os veteranos na Primeira Galicia mantendo viva a paixón; o xuvenil formando aos futbolistas do mañá na 3ª Futgal; e, especialmente, ese equipo feminino de F7 que representa o futuro.

Vinte e cinco rapazas de entre 13 e 17 anos que hai dous anos case nin sabían o que era un balón e que agora, catorce delas, xa compiten con toda seriedade. “Cada día aumenta a súa ilusión e compromiso”, din no clube, e iso dío todo sobre o que significa investir no deporte base.

As pedras do camiño

Non todo foron alegrías nestes cincuenta anos. A tempada pasada, as lesións fixeron dano ao equipo sénior e tocou baixar de categoría. Pero, como di a directiva do San Adrián, “de todo se aprende”. E esta filosofía, esta forma de ver as dificultades como oportunidades, é o que fai que un clube perdure no tempo.

As melloras nas instalacións tamén contan esta historia de perseveranza. En 2015, coincidindo co 40 aniversario, inauguráronse as actuais instalacións con céspede artificial. O primeiro partido foi unha vitoria por 1-0 ante o Cuntis CF, con gol de Brais. Un nome máis para a historia, unha alegría máis para a memoria colectiva.

Máis que once titulares

O que fai especial ao San Adrián non son só os resultados deportivos ou as cifras de participación. É esa capacidade galega de facer comunidade ao redor do deporte, de convertir un clube nun punto de encontro xeracional, nun espazo onde os valores se transmiten partido a partido, tempada tras tempada. É a imaxe dos rapaces do xuvenil aprendendo non só a xogar ao fútbol, senón a respectar ao rival, a traballar en equipo, a levantarse cando se cae. É ver ás rapazas do equipo feminino descubrir que o deporte pode ser unha forma de expresión, de superación persoal, de camaradería e que non hai idade para o seu primeiro comezo.

É saber que os veteranos, que compiten na categoría de Primeira Galicia, seguen sendo fieis á misión fundacional do Clube: promover a práctica deportiva e fomentar os valores sociais e culturais no ámbito parroquial e comarcal. E iso, nunha época de cambios acelerados e incertezas, non é pouco. É, simplemente, exemplar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *