A maquinaria de Papá Noel e das súas maxestades os Reis Magos xa está a pleno rendemento. De feito, varios dos seus axudantes visitaron estes días o Concello de Moaña cargados de agasallos para deixarllos a 22 nenos e nenas do municipio. Continuarán traballando para seguir lendo as súas cartas e repartindo en todos os fogares para que ningún quede sen o seu.
Nesta ocasión os paxes reais e os elfos viaxaron da man da Fundación Capgemini, en colaboración coa concellería de Benestar Social do Concello de Moaña. A entidade fixo unha doazón de decenas de xoguetes e xogos a modo de agasallos para os pequenos do municipio cuxas familias se atopen en risco de exclusión social.
A concelleira da área, María Sanluis , foi testemuña de excepción e estivo presente na recepción dos agasallos, que serán distribuídos entre as familias.