Os mariñeiros da comarca do Morrazo concentráronse este venres, 14 de maio, nos portos pesqueiros de todas as localidades para protestar contra a modificación do Regulamento de Control Europeo da UE con respecto á frota artesanal. No caso de Bueu, o alcalde, Félix Juncal, e outros membros da corporación local apoiaron esta manifestación que tivo lugar simultaneamente ás 12.00 h e na que os barcos lanzaron manifestos en forma de pancartas desde o mar, con mensaxes como “Políticos canto corredes para o voto dos pescadores e agora tratádesnos como atracadores” ou “Non á modificación do regulamento de control. Somos pescadores, non atracadores”.
En Moaña, o acto protesta tivo lugar nas instalacións do Porto de Meira onde decenas de persoas do mar, xunto a varios edís do goberno local como Odilo Barreiro e Coral Ríos, ademais do deputado nacionalista Paulo Ríos, rexeitaron a modificación do Regulamento 1224/2009 que establece normas que causarán graves prexuízos para os intereses da frota de pesca artesanal galega.
Desde o sector demandan a exclusión para a frota artesanal da obrigatoriedade de instalación de cámaras ou a instalación de cámaras compensadas con mais cota, a xeolocalización obrigatoria para aqueles buques que traballan agrupados e a pouca distancia da costa, e a obrigatoriedade de remitir datos de capturas diarios desde a propia embarcación. Así mesmo, reivindican que se elabore unha definición europea clara e real do concepto de pesca artesanal, así como un tratamento distinto e diferenciado con respecto ás frotas industrial e semiindustrial.