A alcaldesa e o edil cos veciños visitando o camiño.

A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acompañaron á veciñanza de Silvestre-Troncosa a comprobar o remate dos traballos neste camiño, o último dos once nos que se actuou ao longo do ano

O mantemento de boas infraestruturas de mobilidade para o rural é fundamental “e un dos nosos eixos de traballo ano tras ano”. Así o explicaron a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, na súa visita cos veciños ao camiño de Silvestre-Troncosa, o último dos 11 camiños que formaron parte do proxecto de pavimentacións no rural do 2021.

Co remate dos traballos en Silvestre-Troncosa, péchase un ano de asfaltados que chegaron a Arealonga, Carballal, Camiño de San Blas (Aguete), Currás, Fixón, Miñán, Os Tombos, Os Picotes, Cividanes e Agrovello, todos eles camiños que se atopaban con deficiencias no seu pavimento e que agora volven ser vías vertebradoras do noso rural cumprindo coa seguridade viaria e a comodida nos desprazamentos.

A veciñanza quixo acompañar a Ramallo e a Novas na súa visita a este último camiño en Silvestre para intercambiar con eles o seu parecer e poder seguir mantendo un contacto estreito para coñecer de preto as súas demandas e poder seguir traballando en mellorar o rural marinense.

En total, fíxose unha inversión de 180.000 euros con cargo ao Plan Concellos para pavimentar estes once camiños e o concelleiro Novas xa adiantou “que agora comezaremos traballar na estratexia para o ano que vén e seguir actuando en vías que precisan de melloras”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *