A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, visitaron este espazo veciñal, rexentado pola AA VV de Pardavila de Marín, no que se acaban de investir 12.000 euros para renovar todas seis ventás e catro portas
O Local Social de Pardavila é un espazo cheo de vida e de actividades, que pouco
a pouco mellora as súas instalacións e que supón o exemplo perfecto da
colaboración entre a veciñanza e a administración para poñer en valor estes
espazos de dinamización.
A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polo edil de Medio Rural, Pablo Novas,
visitaron o local coa presidenta da Asociación de Veciños de Pardavila, Elisa
Dopazo, e outros representantes do colectivo, para coñecer in situ as obras de
mellora que se levaron a cabo grazas a unha subvención de Vicepresidencia da
Xunta de Galicia.
A asociación veciñal investiu cerca de 12.000 euros na renovación de seis ventás e
catro portas do local, mellorando a regulación térmica do espazo e incidindo así
no aforro enerxético, xa que co novo material mellorouse o sellado e o illamento
do exterior e se permite tamén unha mellor separación das estancias.
A presidenta do colectivo trasladoulle á rexedora as actividades que se realizan no
local, desde clases de ioga a obradoiros de cociña, pasando por campamentos
para a rapazada durante o verán ou clases de zumba.
“Manter vivas estas instalacións e usalas para dinamización, ofrecendo
actividades para os veciños e veciñas é un mérito das asociacións, ás que tanto
desde o Concello como desde outras administracións, neste caso a Xunta, temos
que apoiar, para que poidan renovar os seus espazos, comprar mobiliario, seguir
realizando a súa actividade… En definitiva, para que sigan sendo o motor da vida
social e comunitaria no noso rural”, declarou a rexedora.
De feito, a alcaldesa aproveitou para comprobar como quedou un dos baños que
se renovou con cargo aos fondos municipais, investindo cerca de 2.500 euros, e
que agora é moito máis accesible, moderno e confortable.