Con este contrato axudarase a cerca de 100 persoas usuarias. O Concello asume un 30% aproximadamente da inversión e sacará o contrato por dous anos, con dúas prórrogas

Atender aos nosos maiores, especialmente cando máis o precisan, apostando por políticas públicas de atención á dependencia é esencial para garantir a calidade de vida e o benestar da veciñanza.

Un dos recursos máis relevantes dos concellos neste sentido é o SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación básica que xestiona o departamento de Servizos Sociais municipais, que dá atención ás familias con persoas dependentes ao seu cargo coa finalidade de axudalas e de que teñan posibilidade de vivir no seu domicilio mentres sexa posible.

Despois de pasar polo Pleno da Corporación, o contrato abriu a súa licitación, á que se presentaron 8 empresas, tal e como comprobó esta mañá a Mesa de Contratación, que agora terá que avaliar cada unha delas e adxudicar aquela que resulte máis vantaxosa, seguindo as esixencias técnicas e administrativas recollidas nos pregos de contratación.

O contrato, que será por dous anos con outros dous de prórroga, recolle unha previsión anual de 70.500 horas ao ano, das cales a gran maioría destinaranse ás persoas cun grao de dependencia xa recoñecido e unha pequena parte ao que se coñece como o SAF Básico, que se aplica en casos de urxencia nos que a dependencia aínda está sen recoñecer pero é imprescindible contar co recurso.

Na actualidade, Marín conta con 91 persoas usuarias en dependencia (3 con grao 3, 31 con grao 2 e 1 con grao 1) e 5 no SAF básico. O servizo faise por parte de persoal cualificado e préstanse coidados de carácter persoal, psicosocial, educativo, preventivo e doméstico, incluso burocrático e técnico.

As empresas concorreron a un prezo de licitación de 1.648.995 euros, o que supón case 7 millóns de contía total da contratación. Desta cantidade, o Concello asume cerca do 30%, a Xunta case un 50% e o resto cúbrese co pago das persoas usuarias, das que moitas contan con exencións por nivel de renda ou situación de exclusión social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *