IES Rodeira.

A rapazada está xa a participar nos obradoiros didácticos impartidos pola Asociación Oral de Galicia que rematará nunha exhibición final

Oito centros de ensino secundario da bisbarra do Morrazo participan no Certame provincial de Regueifa da Deputación de Pontevedra. Trátase do IES Plurilingüe A Paralaia e IES As Barxas de Moaña; IES Monte Carrasco, CPR Sagrada Familia,
Colexio Eduardo Pondal, IES de Rodeira e Colexio Plurilingüe Compañía de
María en Cangas; e IES Illa de Ons en Bueu.

A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos se retarán dialecticamente para gañar o certame.

Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará hoxe, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro. A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapazas e rapaces interesadas.

O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.

Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición. Hai que lembrar que a Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa impulsaron tamén dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, como foron ‘Repente galego’ e ‘Metodoloxía da regueifa’, ambos moi demandados tanto a nivel de público como de organizacións e profesionais docente que están a traballar a favor da recuperación desta fórmula de narración oral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *