A reunión da Mesa Local da Sanidade de Bueu coa presenza do xerente.

O xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez, deixou un bo sabor de boca na reunión da Mesa da Sanidade de Bueu á que acudiu para explicar o motivo polo que o PAC de Bueu quedou sen servizo a pasada semana. Aínda que o certo é que Gómez asistiu a todas as convocatorias da Mesa, tres en total, durante o último mandato.

Sobre o problema da semana pasada, o xerente do EOXI dixo que se produciu pola baixa laboral dun médico e a imposibilidade de conseguir outro para substituílo. Con todo, só foi unha cuestión illada porque garantiu a cobertura total do servizo durante os meses de xullo e agosto tanto no PAC como no centro de saúde «salvo incidencias moi puntuais que poidan xurdir». Cualificou o PAC de Bueu como «un dos máis estables en canto a funcionamento diario». Así, comprometeuse a dar toda a información posible cada vez que se produza algunha incidencia.

Creación dunha especialidade de urxencias e formación de médicos de familia

Doutra banda, o xerente da área pontevedresa, á que pertence sanitariamente Bueu, explicou as medidas nas que está a traballar a Xunta xunto co Ministerio de Sanidade en canto á formación de máis médicos de familia. Asegurou que para o ano que vén está prevista a preparación duns 215 médicos máis. Ademais, lembrou a apertura en Galicia dunha convocatoria de 106 prazas para médicos de atención primaria, das que 21 serán para cubrir a área de Pontevedra e Salnés, que se resolverá en setembro por concursos de méritos e aos que se outorgará praza en propiedade.

Ausencia do persoal do centro de saúde

Na reunión botouse en falta a presenza dalgún representante do persoal do centro de saúde de Bueu. Si acudiron o resto de membros da Mesa Local da Sanidade, presidida polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, que agradeceu a información achegada polo xerente e a súa asistencia á convocatoria. También estivo a portavoz do PP, Elena Estévez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *