A Garda Civil tivo que mediar entre bateeiros e percebeiros en Cabo Home.

Os xuíces descartan que altere “un suposto monopolio dos bateeiros sobre a extracción da semente de mexillón en roca para atribuírllo aos percebeiros”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por asociacións de mexilloeiros contra o decreto da Consellería do Mar que regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas. Os bateeiros demandaban a súa nulidade ao entender que modifica o réxime de extracción da semente en roca, imprescindible para o cultivo do mexillón, pois no seu artigo 13.1 establece que “os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón.” Así, na súa demanda aseguraban que os percebeiros serían os que poderían retirar a semente, “en prexuízo dos titulares de establecementos de cultivo de mexillón, que tradicionalmente eran os facultados para a extracción”.

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo, con todo, afirma que “non é certo” que o decreto altere “un suposto monopolio anterior dos bateeiros sobre a extracción para atribuírllo en exclusiva aos percebeiros”. Os xuíces salientan que se limita a introducir unha previsión sobre o posible contido dos plans de xestión de recursos marisqueiros para aqueles casos de coexistencia de ambos os recursos nos mesmos bancos naturais. A consellería, despois da emisión dos correspondentes informes técnicos, será a encargada de aprobar eses plans de xestión, “polo que queda descartado o risco de atribución dun dereito de veto en exclusiva ao colectivo de percebeiros”. Ademais, os maxistrados advirten de que “calquera extralimitación ou desproporción terá que ser xulgada, caso a caso, en función das medidas que cada plan aprobe”.

“En conclusión, non é certo o alegado na demanda de que se deixa na man dos percebeiros a posibilidade real de permitir ou non a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, xa que os plans de xestión teñen unha fase de proposta e, tras a pertinente tramitación, sométense á aprobación da Consellería do Mar”, salienta o TSXG, á vez que lembra que, co réxime normativo preexistente sobre a extracción da semente de mexillón, que non se derroga, a Xunta é tamén “a competente para seguir resolvendo sobre as solicitudes de extracción que fagan os concesionarios de bateas”.

Os maxistrados, ademais, destacan que esa “previsión puntual” sobre o posible contido dos plans de xestión “non afecta a todos os lugares onde se extrae a semente de mexillón, xa que nin a semente de mexillón é tamén banco natural de percebe, nin todo banco natural de percebe está rexido por un plan de xestión de recurso específico”.

O decreto, segundo indica o alto tribunal galego, non regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, como interpreta a parte recorrente, pois esa actividade ten o seu propio marco normativo. Así, destaca que o que fai é “establecer unha cautela dirixida a protexer os recursos marisqueiros, en particular, o percebe, facendo fronte á realidade física da coexistencia de dous recursos no mesmo espazo físico en determinadas zonas do litoral, limitándose a sinalar un contido posible dos plans de xestión do percebe, que sería a reserva de zonas para a extracción da semente de mexillón”.

O Superior conclúe que “non se vulnera a seguridade xurídica” e resalta que o decreto permitirá aos produtores de mexillón saber “se poderán acceder á semente en determinados bancos naturais, xa que iso se analizará nos correspondentes plans de xestión, que é o marco onde se debe analizar, de forma casuística, para adoptar as medidas en cada caso procedentes para facer compatible a protección e explotación dos dous recursos nas zonas onde ambos convivan”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *