A deputada e o responsable do PSdeG de Moaña diante do centro de saúde da localidade.

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe o centro de saúde da rúa Concepción Areal para denunciar a situación «insoportable» que viven os veciños en Atención Primaria

O PSdeG de Moaña, a través da súa parlamentaria socialista Leticia Gallego, levará ao Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que reabra o servizo de Urxencias na Casa do Mar de Moaña e que cubra a baixa de Pediatría que ten deixado ao municipio sen este servizo. Gallego visitou hoxe o Centro de Saúde xunto co secretario xeral dos socialistas moañeses, Mario Rodríguez, onde presentou unha serie de iniciativas parlamentarias sobre a situación da sanidade na localidade.

A responsable socialista considera “insoportable” que o goberno galego a día de hoxe manteña o servizo de urxencias de Moaña desprazado a Cangas, precisamente cando a Xunta está a anunciar o camiño cara á nova normalidade logo da sexta ola da pandemia. Leticia Gallego advirte de que os veciños e veciñas da localidade “non comprenden que nesta vila continúen sen urxencias médicas e sen recuperar o nivel de consultas presenciais anteriores á pandemia, ademais de soportar atrasos moi importantes nas citas de Atención Primaria”. A parlamentaria socialista leva ao Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar o reforzo do persoal de Atención Primaria.

Pediatría

Gallego reclama tamén a cobertura urxente da baixa da pediatras que ten deixado ao servizo desatendido nesta localidade. Alertou ademais de que o servizo leva tres xornadas desatendido por canto a Xunta deixou sen cubrir os días libres da única pediatra en servizo, que xustamente estaba a traballar en solitario dende a baixa da outra pediatra, tamén sen ser cuberta dende finais de febeiro.
Alerta das graves consecuencias da falla de persoal para a poboación de Moaña, ata o punto de que o persoal administrativo ten serios problemas para conceder citas ás familias que o precisan e mesmo teñen solicitado instrucións para derivar as urxencias pediátricas a outras localidades.

A responsable socialista sinala que a situación de pediatría replícase no resto de servizos sanitarios deste Centro de Saúde, por canto o goberno galego ten deixado desatendidas as necesidades de persoal. Así, dende decembro, a consecuencia do concurso de traslados dos facultativos, a quenda de tarde só conta con dous médicos dos catro que ten asignados.

O Grupo Socialista presentará por iso esta iniciativa parlamentaria, na que reivindican unha “correcta e plena asistencia na atención primaria” cubrindo as vacantes da quenda de tarde, así como dotar dunha ambulancia de reforzo na comarca do Morrazo “para ter unha boa asistencia sanitaria».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *