Pídelle á Xunta que modifique as condicións do servizo ante o «malestar» do pais pola «perda de calidade dos pratos»
A deputada socialista Leticia Gallego vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que modifique as condicións do servizo de catering nos comedores escolares de Moaña. Gallego atende así as demandas do grupo municipal socialista de Moaña, encabezado pola tenente de alcaldesa Marta Freire Riobó, que reivindica solucións á “preocupación da comunidade educativa” e “o gran malestar que existe no municipio pola perda de calidade dos pratos”.
Deste xeito, a parlamentaria lembra que os menús dos comedores escolares de Moaña están xestionados de forma indirecta pola Xunta de Galicia, a través dunha empresa de catering que presta servizo aos CEIP de Tirán, Seara, Domaio, A Guía, Quintela, Abelendo e as escolas infantís Berducedo e de O Con. En total, alerta Leticia Gallego “son 286 alumnos e alumnas afectados por estas deficiencias no menú dos comedores destes colexios”.
A deputada socialista explica que no último ano estase a constatar unha perda de calidade nos menús ofrecidos ao alumnado, “unha situación que se agravou dende o inicio deste curso”. Por este motivo hai continuas queixas e reclamacións por parte da comunidade educativa e que se refiren á cantidade, presentación, elaboración e adecuación dos menús. Malia que se presentaron “numerosas reclamacións”, estas “non son atendidas” e “a calidade do servizo de comedor
continúa a deteriorarse”.
Leticia Gallego reclama que se corrixa “esta grave situación que afecta os nenos e nenas de Moaña e que impacta directamente sobre a súa saúde”. Nesta liña, esixe que a Xunta de Galicia “deixe de primar o criterio económico sobre o da calidade alimentaria, co fin de que se poidan presentar uns menús escolares correctos e saudables”.
Leticia Gallego subliña que esta cuestión “está a orixinar unha importante preocupación no seo da comunidade educativa de Moaña porque a alimentación é unha cuestión vital para toda a poboación, e especialmente para os nenos e nenas”. Ao mesmo tempo, tamén repercute en como o alumnado aprende pautas saudables de alimentación “para manter uns hábitos de vida san que lles acompañen sempre”.