O dúo Caamaño&Ameixeiras.

A actuación terá lugar ás 22:00 horas no escenario do Paseo Marítimo da vila no marco do Festival Intercéltico do Morrazo

O dúo Caamaño & Ameixeiras ofrecerá este venres 28 de xullo un concerto en Moaña ao abeiro do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia. A actuación comezará a partir das 22:00 horas , e celebrarase no marco do Festival Intercéltico do Morrazo, no escenario do Paseo Marítimo da vila, que acada neste 2023 a súa 39 edición.

Caamaño & Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile tradicional, formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) que acumula desde a súa creación no 2018 unha intensa traxectoria, cun gran número de concertos, tanto na xeografía galega como nacional e internacional. De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal, Caamaño & Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, para crear despois a súa propia linguaxe con composicións e arranxos persoais que incorporan recursos contemporáneos.

No seu primeiro traballo discográfico, Aire!, contaron con diversas colaboracións, entre elas a de Silvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín ou El Pana. Este traballo foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, así como co primeiro premio no Folkez Blai 2021, celebrado en Ermua (País Vasco), ou o Premio Opinión de Música de Raíz ao disco do ano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *