Once persoas necesitaron asistencia médica como consecuencoa dunha colisión múltiple en Moaña. En xeral, as lesións eran leves, por golpes ou por nerviosismo.
O 112 Galicia atendeu varias chamadas para alertar sobre este accidente, que aconteceu na AG-46, ao paso por Moaña, ás 12:40 horas. Tamén recibiu datos a través do sistema ecall dun dos vehículos sinistrados. Como este asistente da condución permite a comunicación co interior do coche, os xestores do 112 Galicia souberon que entre os feridos había un menor e unha muller embarazada.
Con toda esta información, púxose en marcha o operativo que conformaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargaron da atención no lugar e os posteriores traslados, e os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.
Tamén foron necesarios os equipos de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.
En total once persoas necesitaron asistencia médica, aínda que todos por lesións de carácter leve